Santomé

Placa de cinto tardorromano

Placa de cinto tardorromano

Arquivo Gráfico do Xacemento

A escasamente 3 km da capital, seguindo a estrada que dende Ourense conduce ao próximo lugar de Velle, antiga estrada de Monforte, e despois de cruzar o río Loña, unha pista á dereita leva ao xacemento. Salvando o curso do río, a ponte da Loña, dun só arco oxival, da que hai referencias dende comezos do século XIII, e restaurada recentemente, constitúe un magnífico vestixio medieval. É lóxico supor que nas inmediacións habería outra máis antiga, pola que discurriría a vía romana que á altura da actual cidade de Ourense, enlazaría coa vía Bracara a Asturica, e que dende aquí levaría ao Dactonium romano (Monforte de Lemos), a teor do que coñecemos polas fontes documentais medievais.

Percorridos a penas 500 metros dende a desviación, preséntanse dúas alternativas: ben proseguir en automóbil tomando a pista da esquerda, ou seguir pola dereita ata o Colexio Público de Mende, e dende aquí realizar o resto do traxecto a pé por un fermoso camiño, testemuña dunha complexa rede de comunicacións entre os lugares de Velle, Sabadelle e Mende, xa documentada no ano 1153, que dende Santomé levaba a cruzar o río Loña polo portus de Mende. O camiño, pequeno no seu percorrido pero de monumental trazado, describe na súa metade un pronunciado cóbado para salvar a dura pendente, conservando aínda o empedrado de grandes lousas e altos muros que o separan dos campos que o bordean.

Ao contrario do que acostuma pasar noutros xacementos, xa coñecidos dende antigo, sobre todo a partir do traballo emprendido polos membros da xeración Nós, as primeiras referencias sobre Santomé débense a D. Manuel Blanco Guerra, que entre os anos 1969-74 realizaba unha serie de catas no castro e o seu contorno, poñendo de manifesto a importancia arqueolóxica do lugar para o coñecemento do mundo galaicorromano nun amplo período de tempo. Será a partir de 1983, cando a realización dunha serie de escavacións sistemáticas levadas a cabo no contexto das actividades do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, van desvelar a complexidade cronolóxico-cultural do asentamento, e o seu potencial, tanto dende o punto de vista estrictamente científico como do seu aproveitamento sociocultural.

Xa dende lonxe, obsérvase o curuto destacado na paisaxe no que asenta o poboado castrexo, cuberto da formación boscosa característica que tipifica o bosque do municipio ourensán, de indubidable interese paixasístico. Entre as formacións vexetais sobresaen os carballos, algúns do tipo caxigo, pouco frecuente en Galicia, mesturados con outras especies caducifolias como as sobreiras, das que se obtén cortiza; piñeiros do tipo pinus pinaster conviven con érbedos, planta leñosa de vistosos froitos comestibles de aspecto granulado, en tal cantidade que o lugar é coñecido dende antigo co topónimo do Erbedal. Para unha mellor comprensión do entramado cultural que encerra o conxunto é conveniente dirixirse pola fermosa rúa empedrada cara ao asentamento castrexo, deixando para despois a visita ás estruturas arquitectónicas que o bordean na zona chaira. A propia rúa constitúe un importante vestixio, formando un espacio despexado de 33 m de longo por entre 3 e 4 de ancho, lousado con pedras de mediano tamaño, ben asentadas e trabadas con outras máis pequenas e tégulas, que descorre con acentuada pendente cara ao río, paralelo ao terraplén do castro. A penas iniciado o seu traxecto, bifúrcase en dúas direccións: a da dereita, conduce directamente ao castro salvando unha pronunciada rampla, e a outra ao río con posibles desvíos, como documentan os muros tanxentes á mesma.

Unha pequena incursión polo recinto castrexo permite comprobar as peculiaridades do seu asentamento sobre un espigón escarpado, cunha forte inclinación cara ao S-SW, por onde o río Loña serve de defensa natural. Ademais deste elemento defensivo, o castro conta na zona N cun foxo, hoxe cuberto, e un terraplén, sen esquecer as murallas concéntricas que servían tamén de aterrazamento para posibilitar a instalación dun poboado nun lugar no que as condicións naturais non o permiten. Parellas ás liñas da muralla habería outras rúas, de características semellantes á conservada, para comunicar os diferentes espazos do asentamento castrexo.

A pesar de que as intervencións arqueolóxicas foron reducidas nesta área, impedindo unha visión de conxunto do entramado urbanístico, pódense contemplar diferentes elementos arqueolóxicos que permiten, alomenos, sinalar notables diferencias entre este tipo de hábitat e o asentamento tardorromano.

Na zona escavada na croa, nos muros que definen as diferentes estancias combínanse trazados rectilíneos coas formas redondeadas, algo impracticable no poboado asentado na chaira. Así mesmo, chama poderosamente a atención a proliferación e tipoloxía dos fogares sobre os que se facía o lume e se cociñaba. Nalgúns casos, aparecen compostos dunha soa pedra rectangular fincada no chan por un dos lados maiores, e pegados ao muro do cuarto, formando o piso do fogar unha simple capa de barro; noutros, desprazados lateralmente, aproveitando o espacio que queda entre eles e a parede do cuarto para depósito dos desperdicios e amontoamento da cinsa. En toda a área do castro pódese ver como as rochas que afloran na superficie foron utilizadas tanto para escavar pías como elementos constructivos, servindo nalgúns casos, unha vez alisadas, de muros das casas, de aí as marcas que presentan para adaptarse as diferentes funcións.

Xunto con estes elementos do patrimonio arqueolóxico, o castro ofrece tamén a oportunidade de admirar o fenómeno xeolóxico da formación de cavidades de remuíño que o río Loña foi erosionando no seu profundo e rumoroso fluír. Tampouco debemos deixar de contemplar a novidosa vista que dende este punto se ten da cidade, coas Lagoas en primeiro plano.

Hai unha pregunta que pronto asalta ao visitante: ¿a qué época pertencen os restos arqueolóxicos?. Todo parece indicar que a data de comezo do castro debe situarse, a teor dalgún tipo cerámico, a mediados do século I a.C., prolongando a súa existencia ata mediados da segunda centuria despois de Cristo. No primeiro cuarto do século I d.C. esténdese polas ladeiras do castro outro poboado do que a penas se conservan restos arquitectónicos, debido a que sobre os seus restos desbastados se levantaron máis tarde as estruturas tardoromanas. Chama a atención que, a pesar de coincidir no tempo e da proximidade de ambos, sexa tan diferente o tipo de vida que levaban as xentes que neles habitaban, se temos en conta os restos da súa cultura material. Fronte ás formas cerámicas que atopamos no castro, que fan referencia a patróns ben coñecidos no ámbito castrexo, con poucos elementos foráneos, no segundo poboado documéntanse abundantes sigillatas fabricadas na Galia, cerámicas de Clunia ou recipientes de vidro habituais na zona do Mediterráneo, como elementos máis sobresaíntes.

A mediados do século II d.C. ambos poboados foron arrasados ou abandonados, quedando o lugar ermo, ata que un século despois é de novo ocupado por un asentamento no que conviven, nunha perfecta simbiose, os modos e formas romanas coas tradicións anteriores, creando uns modelos habitacionais que van pervivir longamente na Galicia rural.

As estruturas arquitectónicas exhumadas artéllanse en dúas unidades constructivas con lixeiras variantes, aínda que organizadas en función dun espazo aberto central que funciona a modo de patio con reminiscencias no atrium da típica casa romana.

A edificación situada ao leste da rúa é de maior dimensión e complexidade. Nela destaca, pola súa singularidade, o núcleo principal, distribuído en tres estancias, precedidas dunha galería na fachada norte, na que se atopa a entrada máis monumental e unha escaleira exterior perpendicular ao edificio, que na súa proxección conta aínda con seis pasos. Dita escaleira aseguraba o acceso ao piso superior, cunha solaina sustentada por piares de madeira apoiados no muro que define o corredor na planta baixa, tal e como confirma a presenza dunha base in situ, cun rebaixe para encaixar o piar. Nunha das estancias interiores consérvase un resto excepcional: un curioso sistema de calefacción que entronca co hipocausto romano e que aínda pervive na “trébede” castelá. A súa estrutura consiste nun banco oco construído con grandes ladrillos, pegado a parede, provisto da correspondente boca de alimentación nun dos seus lados menores para a introducción da leña e palla, e no extremo oposto, a saída de fumes.

Ao redor deste núcleo principal, distribúense toda unha serie de estancias dedicadas a diferentes funcións, que no seu conxunto definen os modos de vida desta colectividade rural: ao oeste, e con acceso directo, os espacios dedicados á producción artesanal do poboado, singularmente labores de metalistería e fundición; ao leste unha estancia con fogar e outro cuarto pavimentado, quedando ao norte do patio central dous almacéns, como indica a presenza dun silo e dun dolium cerámico de grandes dimensións, usado para gardar tanto líquidos coma sólidos.

A segunda unidade habitacional, situada ao oeste da rúa, consta dunha ringleira formada por catro estancias articuladas por medio dunha galería na fachada norte, cunha volta no extremo occidental. Diante destas estruturas ábrese un patio rectangular moi deteriorado, que funciona a modo do atrium da típica casa romana; como tal contaría co seu correspondente compluvium aberto na cuberta do adro para entrada da luz e da agua, que sería evacuada ao exterior por medio dunha canle ou sumidoiro, cumprindo as funcións do impluvium ou estanque central do adro no que se recollía a agua.

En relación co castro a última intervención realizada permite contemplar un entramado urbano artellado a partir dunha rúa central, que desemboca nun espazo aberto mais amplo a modo de praza. Este espazo é resultado dun proceso de ocupación e reocupación do espazo castrexo, utilizando estruturas preexistentes, que se verán obrigadas as adaptarse a unha nova organización condicionada.

Para a determinación da súa musealización tivéronse  en conta criterios obxectivos de racionalización que pasan pola alta significación arqueolóxica do xacemento no horizonte cultural no que se encadra ao permitir comprender un amplo abano cronolóxico-cultural que vai desde o castrexo a tardorromanidade, con estruturas arquitectónicas de certa monumentalidade e ben conservadas e mesmo con elementos estruturais peculiares  como son a trébede e as escaleiras exteriores para acceder ao andar superior.

Non menos interesante, resulta a súa situación a 3 Km da capital da provincia, ben comunicado en automóbil ou a pé seguindo unha ruta de sendeirismo. É preciso resaltar tamén a posibilidade de poder engadir o valor histórico-arqueolóxico ao do patrimonio natural, cunha vexetación característica da “hoya ourensá” presidida polo carballo, sobreira e aciñeira, adaptada as influencias mediterráneas da zona.

Con esta visión e planificación integral baseada nunha análise seria dos valores patrimoniais e do seu potencial como elemento dinamizador, nunha comarca necesitada de espazos de espallamento, de incentivos culturais e de reactivación dos seus recursos turísticos, soamente faltaba unha liña de financiamento para que o proxecto se puxera en marcha. Esta foi posible, primeiro no ano 2000 mediante convenio do Grupo Marcelo Macías coa asociación que xestionaba os fondos europeos PRODER, e no 2003 coa fundación Pedro Barrié de la Maza ao ser seleccionado o proxecto na súa convocatoria de 2002-2003.

Como paso previo e imprescindible para a posta en valor, fíxose a consolidación e conservación das estruturas verticais e horizontais, seguindo criterios cientificamente contrastables que harmonizan coa lexislación vixente nesta materia. Na consolidación tivemos en conta en todo momento a definición e funcionalidade dos espazos sobre os que se estaba actuando, priorizando nuns determinados casos uns aspectos sobre outros.

O deseño e distribución dos paneis interpretativos, responde a criterios obxectivos de aproveitamento dos recursos dispoñibles. Cada panel ten tres niveis de lectura, potenciando o seu carácter didáctico, coa reconstrución  en 3D. A presenza de imaxes virtuais, permite ao observador, partindo dun único campo de visión poder comparar a imaxe real do escavado e consolidado coa reconstrución infográfica. A distribución destes paneis realizouse en función da súa mellor integración no ambiente, onde o impacto visual sexa o menor posible, pero que ao mesmo tempo sirvan de balizas informativas, que de forma encuberta guíen un percorrido aberto polo xacemento.

Como material divulgativo publicáronse diferentes trípticos e folletos, así como unha guía arqueolóxica e outra da vexetación, ademais dun vídeo con imaxes infográficas animadas. Asimesmo á entrada do xacemento habilitouse unha caseta de madeira que ata hai dous anos funcionou como punto de información, atendida por licenciados en historia contratados por medio do programa LABORA.

As formulacións a ter conta en novas actuacións a programar, deben de tender a facer viable o aproveitamento e contemplación da pluralidade de elementos que conforman este conxunto, explotando as súas potencialidades. Por iso é preciso desenvolver  toda unha serie de accións, que por unha banda permitan reforzar os lazos entre o xacemento e o seu entorno inmediato, e por outra afondar no coñecemento e difusión dos seus valores.

Arquivo Gráfico do Xacemento