Biblia Sacra. Século XVI

abril 2015 | peza do mes | Justo Carnicero Méndez-Aguirre
2015_04_01

A palabra biblia provén do grego βιβλίων, que significa libro. Ademais, e isto é importante, o valor dunha obra, sobre todo no mundo globalizado e plurilingüe no que nos atopamos, vese no seu número de traducións, e esta obra é a máis traducida. Hai múltiples razóns: como libro de historia, de oración ou de poesía de meditación (salmos). É dicir, moitas facianas para un só libro.

A Biblia do Museo Arqueolóxico obxecto deste traballo, é dunha edición de Lion de 1581, que nos mostra a gran tradición editorial no país galo e a importancia do mercado internacional do libro do século XVI. O impresor Guillaume Rouillé estaba casado dende 1542, con Magdalena de Portonaris (da familia que posuía a Compañía de Libreiros de Salamanca), o que facilita a chegada a esta cidade do libro galo. Con Rouillé, instalouse Pierre Escrich, gravador e tallista parisiense, que traballara con Bernard Salomon en Lion, cidade libre e tolerante. Salomon fixo Quadrins historiques de la Bible, ilustracións que acompañan ao texto. En total hai 269 para o Antigo Testamento e 175 para o Novo, todas xilografías. O texto vai a dúas columnas, con notas marxinais, belas cabeceiras e iniciais xilografiadas. A portada leva dous atlantes e o título en gofrado. O exemplar está incompleto, xa que lle faltan algúns gravados, ao igual que ao groso das conservadas en España, debido á obra da Inquisición. Conta, este exemplar cunhas notas manuscritas.

É, pois, un elo singular, dentro da historia do libro, esta Biblia de 1581, que dende Lion nos leva a Nantes, Medina do Campo, Salamanca e Ourense, poñendo en contacto os temas das Compañías de Libreiros, relacións comerciais, de impresores, transportistas, libreiros…e ao final de lectores e as súas lecturas do século XVI.