O esferoide perforado do Valiño (Cartelle, Ourense)

maio 2021 | peza do mes | José María Eguileta Franco
2021_05_p

Esta peza foi depositada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense por Eladio Martínez Estévez e procedía dun túmulo da paraxe do Valiño (Terzas, Cartelle, Ourense). Polo achado casual da peza carecemos de atributos contextuais, agás a procedencia dun túmulo.

Os artefactos pulimentados perforados empregábanse nas mazas e tamén nas dobres sacholas como peso para axudar á súa funcionalidade. Non obstante, as características desta peza dificultan o sustento de que se empregara como maza de combate ou como peso de bastón de cavar. As reducidas dimensións da perforación central, 21 mm, parecen denotar un problema de resistencia do sistema para mangar ante calquera dos dous usos. Pero quizais sería compatible co dun cetro ritual.

Este esferoide perforado do Valiño, realizado en anfibolita, sitúao Eguileta nun período non anterior a finais do IVº milenio AC e non posterior aos inicios do IIº.