Caderno de debuxos inéditos do P. Sarmiento (1725-1755)

02/03/2021 | 2021 | peza do mes
Fotograf’a do Caderno de debuxos inŽditos de Padre Sarmiento (17

O 9 de marzo de 1695 nacía en Villafranca del Bierzo (León), Fr. Martín Sarmiento. Estamos, pois, ante o 336 aniversario do seu nacemento, e nunca mellor ocasión para dedicarlle A Peza do mes, e mostrar unha cara oculta e inédita da súa polimórfica obra. Trátase do seu caderno de debuxos, onde descubrimos a súa faceta artística.

Estes debuxos serán o complemento aos Cadernos, no que el denominou «Peregrinaciones propias». Todos os debuxos coinciden exactamente cos lugares por onde pasou o P. Sarmiento, nas súas tres viaxes a Galicia, 1725, 1745 e 1754-1755. O propio Fr. Martín Sarmiento escribiu: «Tomé y llevé conmigo, un libro en cuarto y en blanco para ir escribiendo en él mi Diario de todos mis Viajes». Nel anotou os topónimos que ía atopando no percorrido e debuxou as inscricións antigas: romanas, suevas, góticas e galegas medievais. Será o complemento á correspondencia conservada.

Este caderno facticio, de formato apaisado (28 x 38 cm), encadernado en rústica e con lombo de pel foi adquirido pola Comisión de Monumentos a comezos do século XX. Consta de 76 láminas, numeradas as 61 primeiras mentres que da 62 á 76 están sen numerar. Podemos afirmar que as primeiras, enmarcadas por marcos gravados con temas vexetais e entrelazos, cunha orla superior onde vai o número, son as definitivas, e as segundas, bosquexos e apuntamentos de campo.

Portapenacho de casco. Campamento de Aquae Querquennae

01/02/2021 | peza do mes
Portapenacho de casco. Campamento de Aquae Querquennae

Este portapenacho (apex), fabricado en bronce, pertenceu a un casco do modelo Weisenau. Apareceu durante as escavacións realizadas por Antonio Rodríguez Colmenero no campamento militar romano de Aquae Querquennae (Porto Quintela, Bande, Ourense).

A peza conserva unha altura de 5,9 cm, unha anchura máxima de 4,5 cm, un grosor máximo de 0,5 cm, e pesa 14,28 gramos. Posúe forma de forquita e está incompleta. Orixinariamente debeu ter un pé en forma de «L» mediante o cal se engancharía a unha plaquiña rectangular situada na parte cenital do casco e, deste xeito, podería suxeitar un penacho disposto de forma transversal (crista transversa). A presenza dun penacho no casco dun oficial servía para resaltar o seu status formando parte dos distintivos (insignia) que o distinguían.

Pote fundacional. Monte do Señoriño. Armea

04/01/2021 | 2021 | peza do mes
Pote fundacional

O xacemento galaico-romano do Monte do Señoriño está situado na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas, concretamente no lugar de Armea, concello de Allariz.

A riqueza e variedade dos materiais documentados pon de manifesto a relevancia deste enclave, que sen dúbida debeu xogar un importante papel nas vías de comunicación e comercio no cambio de Era. Moi reveladora e singular é esta peza que presentamos. Trátase dunha ola de cerámica común romana estudada e interpretada polo seu descubridor, Adolfo Fernández, como «pote fundacional». A peza, exhumada durante a campaña do 2012, apareceu sobre un depósito de terra amarelenta, na nivelación dunha estancia, baixo o pavimento. Segundo o arqueólogo director das escavacións, a peza estaría colocada alí intencionadamente como posible contedor dun depósito fundacional.

Esta hipótese viuse corroborada pouco tempo despois, ao ser realizada unha minuciosa microescavación do pote e da terra que contiña por parte da restauradora Marta Lago Cerviño, no laboratorio da Universidade de Vigo. No transcurso dela apareceu un arame de ouro e unha boliña depositados sobre a terra. Trátase dunha xoia de ourivería realizada nun fío de ouro do tamaño dun cabelo. Semella un pequeno enganche moi delicado do que penduraría unha boliña de ouro e formaría, xunto con outros elementos, un pendente semellante aos brincos de nós de correr portugueses. Ademais deste singular e inesperado achado, foron sacados á luz unha pequenísima bóla dun material aínda por determinar, tal vez pasta vítrea, e numerosas láminas resinosas, que aparecen espalladas por todo o xacemento.

Bo Nadal

24/12/2020 | xeral
portal_mapour

Arqueoloxía do noroeste peninsular en tempos de Nós

23/12/2020 | xeral
Cuberta_mockup03A

Neste libro que presentamos, Arqueoloxía do noroeste peninsular en tempos de Nós, recóllense as achegas de diferentes especialistas sobre o traballo realizado polos propios integrantes do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos ao que pertencían e enriqueceron co seu traballo, así como a actividade arqueolóxica que se estaba levando a cabo por outros persoeiros que non pertencían a estes cenáculos pero que estaban desenvolvendo a súa actividade arqueolóxica nesta época no noroeste peninsular.

Os diferentes artigos que o conforman, están organizados de tal xeito que en primeiro lugar aparecen os referidos ás diferentes etapas culturais e aspectos concretos da cultura material, para posteriormente analizar a actividade arqueolóxica nas diferentes provincias, sen esquecer o norte de Portugal e a súa estreita relación coa Xeración Nós.

En síntese, todos os artigos resaltan que o traballo realizado polos membros desta Xeración e do Seminario de Estudos Galegos, con Cuevillas á cabeza supuxo:

  • A renovación da arqueoloxía en Galicia, incardinada nas correntes metodolóxicas e historiográficas do que estaba acontecendo no resto de Europa.
  • A sistematización deste amplo período cultural. Sentando as bases para estudos posteriores.
  • A mirada integradora que tiñan da cultura, tanto polo traballo desenvolvido nas xeiras, como pola visión etnoantropolóxica que asoma nos traballos arqueolóxicos.

En resumo, o conxunto de achegas que integran este volume constitúe un importante corpus que permite ampliar a mirada sobre a investigación arqueolóxica producida en Galicia nestas décadas, os métodos utilizados e os avances que se conseguiron no coñecemento do noso pasado, necesario para entender o presente e imaxinar un futuro máis prometedor.

← entradas máis antigas entradas máis recentes →