O esferoide perforado do Valiño (Cartelle, Ourense)

30/04/2021 | 2021 | peza do mes
2021_05_p

Esta peza foi depositada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense por Eladio Martínez Estévez e procedía dun túmulo da paraxe do Valiño (Terzas, Cartelle, Ourense). Polo achado casual da peza carecemos de atributos contextuais, agás a procedencia dun túmulo.

Os artefactos pulimentados perforados empregábanse nas mazas e tamén nas dobres sacholas como peso para axudar á súa funcionalidade. Non obstante, as características desta peza dificultan o sustento de que se empregara como maza de combate ou como peso de bastón de cavar. As reducidas dimensións da perforación central, 21 mm, parecen denotar un problema de resistencia do sistema para mangar ante calquera dos dous usos. Pero quizais sería compatible co dun cetro ritual.

Este esferoide perforado do Valiño, realizado en anfibolita, sitúao Eguileta nun período non anterior a finais do IVº milenio AC e non posterior aos inicios do IIº.

Día do Libro 2021

21/04/2021 | actividades | destacado
Boletín Auriense I

Para conmemorar o Día do Libro, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense libera en liña o primeiro volume do Boletín Auriense, revista que inicia a súa andaina en 1971, polo que este ano celebramos o seu 50 aniversario.

O Boletín Auriense, continuador do Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense, é unha publicación do Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo e Arquivo provinciais de Ourense para difundir os traballos científicos realizados tanto polos seus membros como por outros investigadores. Conta ademáis cunha serie de Anexos nos que se recollen traballos monográficos de estudo da cultura galega, con especial referencia a Ourense.

O vindeiro volume do Boletín Auriense que sairá neste ano 2021, será o Tomo número 50 desta senlleira publicación.

Descarga Boletín Auriense I

#DíadoLibro

Santiago peregrino de acibeche. As Burgas (Ourense)

05/04/2021 | 2021 | peza do mes
Santiago peregrino de acibeche: As Burgas, Ourense

Neste Ano Xacobeo 2021 queremos dedicar esta Peza do mes a unha pequena xoia atopada no corazón e xerme da cidade de Ourense, As Burgas. Á beira destas surxencias termais atópase a Casa dos Fornos, escavada polo arqueólogo Celso Rodríguez Cao en 2005, onde descubriu que a súa planimetría se corresponde coa dun edificio terapéutico e relixioso do século I d. C. que aproveitaba o manancial termal polas calidades minerais e caloríferas destas augas.

Na época medieval e tamén na moderna, os peregrinos en ruta a Santiago ou xa de volta cara aos seus lugares de orixe paraban a descansar nos balnearios das Burgas para, despois de visitar na Catedral a Capela do santo Cristo, continuar á súa viaxe. Entre as rutas de peregrinación que pasan pola nosa cidade destacan as dos camiños do sueste ourensán que, procedentes de Braganza e Vinhais, pasaban por Vilardevós ou por Chaves ata Verín, e dende alí, indo por Laza, A Alberguería ou por Xinzo de Limia, chegaban a Ourense. Outra ruta sería a que viña dende Braga e pasaba por Bande e Celanova de camiño a Ourense. A partir do século XVI van ser cada vez máis numerosas as alusións ás fontes das Burgas por parte de cronistas, viaxeiros e peregrinos que chegan á nosa cidade.

Na escavación da Casa dos Fornos atopouse esta peza de acibeche que representa un Santiago Peregrino. O seu reducido tamaño e o feito de ter unha perforación transversal á altura da cintura, indican que moi probablemente se trate dunha doa que iría ensartada nun rosario elaborado polos artesáns do acibeche, que a partir do século XIII se establecen como gremio na compostelá rúa da Acibechería. Na Idade Media vai florecer esta profesión como resposta ás peregrinacións fabricando obxectos con este luxoso e escaso material nos que se conxuga devoción e superstición.

Día da Muller: Inmaculada de Juan de Juni

08/03/2021 | actividades | destacado
Virxe de Juni

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense  faise presente na celebración do Día Internacional da Muller, que neste ano 2021 leva como tema: “Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”, con dúas excepcionais pezas dos seus fondos. A través delas coñeceremos as dúas mulleres que as patrocinaron. Mulleres de gran presenza na sociedade do seu tempo, que realizan ofrendas vinculadas ás súas crenzas.

O tema deste ano celebra os enormes esforzos que realizan mulleres e nenas en todo o mundo para forxar un futuro máis igualitario e recuperarse da pandemia da Covid-19. O Día Internacional da Muller é un bo momento para reflexionar acerca dos avances logrados, pedir máis cambios e celebrar a valentía e a determinación das mulleres que xogan un papel clave na historia dos seus países e comunidades.

 

Inmaculada de Juan de Juni

Esta imaxe, considerada como unha das xoias artísticas coas que conta o Museo ourensán é obra documentada do escultor Juan de Juni, quen a cita nunha das cláusulas do seu testamento de 1577 como encargo de dona Inés Pérez de Belmonte con destino á cidade de Ourense.

A patrocinadora desta peza, muller de forte personalidade e poderoso atractivo, pertencente á fidalguía ourensana, tivo unha educación exquisita, parella á que recibiu o seu irmán en Salamanca. Durante anos residiu no Palacio dos Oca, hoxe Liceo ourensán, e no Palacio de Afonsas, en Celme. Non sen dificultades, soubo facerse visible nunha sociedade hostil e discriminatoria cara á muller, participando activamente na vida social da cidade. É verdade que a súa biografía estivo marcada polos homes, pero sempre foi quen de facer valer os seus dereitos ante eles, como deixan patente os numerosos preitos que interpuxo defendendo os seus intereses e os dos seus fillos ante os homes da súa familia e os seus vasalos.

Seguindo o exemplo doutras mulleres da súa mesma condición social, que acharon unha canle de participación pública a través de fundacións e financiamento de obras artísticas, encarga esta Inmaculada a un dos mellores escultores do momento, o que revela o seu gusto refinado, a súa independencia económica e esa capacidade de liberdade e decisión que a caracterizaron.

Día da Muller: Ara de Calpurnia Abana

07/03/2021 | actividades | destacado
Ara Calpurnia Abana

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense  faise presente na celebración do Día Internacional da Muller, que neste ano 2021 leva como tema: “Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”, con dúas excepcionais pezas dos seus fondos. A través delas coñeceremos as dúas mulleres que as patrocinaron. Mulleres de gran presenza na sociedade do seu tempo, que realizan ofrendas vinculadas ás súas crenzas.

O tema deste ano celebra os enormes esforzos que realizan mulleres e nenas en todo o mundo para forxar un futuro máis igualitario e recuperarse da pandemia da Covid-19. O Día Internacional da Muller é un bo momento para reflexionar acerca dos avances logrados, pedir máis cambios e celebrar a valentía e a determinación das mulleres que xogan un papel clave na historia dos seus países e comunidades.

 

Ara de Calpurnia Abana

O culto ás Ninfas protagoniza a inscrición desta ara en agradecemento a estas deidades cuxo texto di:

Nymphis Calpurnia Abana Aeboso ex visu v(otum) s(olvit) l(ibens)

Calpurnia Abana Aeboso cumpriu gustosa o seu voto ás Ninfas, baixo a inspiración dun soño.

A importancia desta ara, atopada nunha horta a carón das Burgas, é que nos dá a coñecer a Calpurnia Abana Aeboso, unha muller galaica que viviu no século II d. C. na Gallaecia Bracarense.

Calpurnia é un nome novidoso, vido de fóra e plenamente romano -Calpurnia chamábase a última muller de César- aínda que ela pertencía ao populus galaico dos Aebisocios polo que sabemos que non era da cidade auriense, se non dalgún lugar próximo, posiblemente da zona centro oriental da nosa actual provincia.

Esta muller dedica un exvoto ás Ninfas, deusas romanas das augas asociadas a este manancial termal, que posiblemente fora utilizado dende tempo inmemorial polos seus antepasados. A antiga tradición da utilización das augas das Burgas con carácter terapéutico-relixioso modernízase na figura desta muller de praenome romano, pero cuxo nome e cognome son indíxenas, ao dedicar unha ara ás Ninfas. A expresión ex visu na inscrición indica que esta muller obtivo a curación baixo a inspiración dun soño. Este ritual, denominado incubatio, ten unha orixe moi antiga. Consiste en peregrinar a un santuario ou sitio sagrado e durmir alí. A divindade, neste caso as Ninfas, revelaranlle á doente, nun soño, as causas do mal e a forma de curarse por medio das augas mineiro-medicinais, concedéndolle a estas augas un poder curativo milagroso.

Esta ara é un fermoso indicador da romanización dos habitantes da bracarense, como se deduce do propio nome de Calpurnia Abana Aeboso, unha muller que hai dezaoito séculos chegou a cidade auriense dende outro lugar da provincia na busca de saúde.

← entradas máis antigas