Vídeo da evolución histórica do Conxunto Arqueolóxico Natural de Santomé

28/03/2020 | destacado | xeral

#aculturasegue

Vídeo realizado para a exposición organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 2019-2020: «Santomé. Conxunto Arqueolóxico Natural» que recrea de xeito cronolóxico as súas distintas fases culturais:

Fase I: Creación do castro de Santomé no inicio do século I d. C. situado nun meandro do río Loña, caracterizado por vivendas de esquinas redondeadas, foxo, muralla e torreón defensivo.

Fase II: Dende mediados do século I d. C. vaise notando a influencia da cultura romana nas construccións angulares dentro e fora do castro.

Fase III: A partir dos anos 80 do século I d. C. densifícanse as estructuras da croa e novas construccións romanas organizan o poboado cunha traza ortogonal.

Fase IV: Última fase de vida do castro nos primeiros anos do século II d. C. .

Fase V: Abandono do castro, que se inicia a mediados do século II d. C. e durará un século.

Fase VI: Dende mediados do século III d. C. ata comezos do século V d. C. edifícanse extramuros dúas vivendas -domus- seguindo o modelo característico das villae romanas. Unha delas presenta un sistema de calefacción coñecido como “trébede”.

A mediados do século V d. C. prodúcese o abandono total do castro e das domus, converténdose no xacemento que chega ata nós e que hoxe conforma o Conxunto Arqueolóxico Natural de Santomé.