Venres, día 5 da #MuseumWeek: #ClimaMW

15/05/2020 | xeral
líticos

#aculturasegue

Na quinta xornada, a #MuseumWeeK baixo o lema #ClimaMW convídanos a reflexionar sobre o cambio climático e a concienciarnos sobre a súa importancia de cara a un futuro máis sostible e un mundo máis habitable.

Dende o Museo Arqueolóxico imos botar a vista moi atrás no tempo para, a través de tres pezas líticas -un machado, unha gobia e un posible puídor- comprender como un cambio climático, neste caso natural, cambiou a unha sociedade e a súa cultura.

As tres pezas serían representativas de dous dos períodos máis recentes da Prehistoria: o Neolítico e o Calcolítico. Esta foi unha etapa de transición climática global denominada paleoambientalmente como Subboreal e que se resume nunha serie de cambios atmosféricas que provocaron a moderación das condicións ambientais, con clima máis cálido e húmido, e a transformación progresiva da cuberta vexetal esteparia nunha mesta vexetación de bosque. Este proceso natural detéctase no rexistro arqueolóxico paleoambiental xunto con mudanzas nas estruturas de traballo e sociedade cara formas máis complexas de adaptación aos cambios no medio, co inicio da produción de alimentos e levando consigo unha progresiva sedentarización dos grupos humanos. O nome do principal período provén da utilización masiva dunha nova técnica de fabricación de utensilios líticos –o puído–: o Neolítico (do grego νέος, néos: novo; λίθος,líthos: pedra); así como dun novo emprego de materias primas rochosas. Esta técnica responderá ás necesidades dos incipientes modos de vida, que motivaban a apertura de claros nas fragas por medio das rozas e da queima de vexetación, e onde se experimentarán os primeiros cultivos e o pastoreo –domesticación– para complementar a dieta diaria.

Máis información na Peza do mes de xuño de 2013