Semana Galega en Portugal. 1935

01/07/2020 | xeral
FDE002781

Tan perto, tan lonxe. Ata 1128, cando a ruptura comeza, conservaban Portugal e Galicia unha cultura e territorio común. A independencia do condado de Portugal, cunha liña marcada polo río Miño, foi primeiro máis política que social. Era tan indecisa a fronteira que as numerosas fortificacións que houbo que dispor debían colocarse en zigzag. Saussure dicía que persoas que non se entenden é porque falan distintos idiomas, pois ben falla dicir que ata o século XV Portugal e Galicia mantiveron unha mesma lingua. A partir de mediados do século XIV Galicia deixara de ter a súa importancia social e cultural perdendo o seu peso político cada vez máis a favor do centro da meseta castelá e o castelán imponse como lingua do poder. Pola súa parte, Portugal pasa a ollar con atención cara ao sur e ábrese ao mar. Sendo claramente países irmáns póñense de lombo, e a conciencia da cultura común rómpese, quedando claramente escurecida na Galicia e con protagonismo crecente na parte portuguesa.

Rematado o tránsito polos séculos escuros, mediado o século XIX, co Rexurdimento hai un acercamento por medio da lingua. Considérase que portugués e galego teñen un tronco común, o que favoreceu a identidade do galego ata entón vista como unha fala menor. Na década de 1920, especialmente grazas ás persoas que forman a Xeración Nós da que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense celebra este 2020 o seu centenario, a intelectualidade galega aproxímase a Portugal conscientes que co norte deste territorio posúen unha historia compartida. As páxinas de Nós e Arquivos ábrense aos escritores lusos mentres que as revistas portuguesas fan o propio cos galegos.

Por medio do Seminario de Estudos Galegos canalízase o clima de confraternidade coa velada dedicada a Carolina Michäelis de Vasconcelos ou o ingreso de numerosa intelectualidade portuguesa na institución. En 1929, acordan celebrar unha Semana Galega no Porto, organizada por Mendes Correa e Florentino Cuevillas, quen xunto a Bouza-Brey viña de recorrer o norte de Portugal en 1928. Nese momento non se puido levar a cabo, mais o proxecto continuou vixente para retomarse en 1932, aínda que novos avatares adiárona ata 1935. O programa incluíu visitas a monumentos, veladas teatrais e un inusitado programa de conferencias que reunía as novísimas investigacións realizadas en Galicia en materias como historia, arte, antropoloxía ou medicina. O día 6 de abril o grupo participante fotografouse no Grande Hotel do Bussaco para deixar como recordo a imaxe que acompañamos. Acordaron finalmente celebrar unha semana portuguesa en Galicia e publicar unhas actas no seguinte ano: 1936, non puido ser.

As actas do encontro debían comezar así: “O Seminario foi decir ao pobo portugués o que era a terra galega, foi falar da vella “terra gençor” chea de agarimo pra o pobo irmán. Mais os portugueses e dun xeito especial as xentes do Porto que dou nome á Lusitania e de Guimaraes que foi seu berce, as xentes das terras do antre Douro e Minho onde decorreran estas xornadas souperon dicir aos galegos o que é Portugal para a irmá Galicia. Que a irmandade xurada nas ribeiras do Douro, na paisaxe románica de Guimaraes, nos outos do Bussaco e nos castros da veiramar das descobertas medre en vizosos froitos para os dous pobos!”