Reconstrución 3D. Patio románico do Museo

13/10/2014 | xeral
2014_08

As actuais técnicas de reconstrución en 3D permítennos ofrecer unha imaxe da evolución histórica do antigo Pazo do Bispo de Ourense, Monumento Histórico Artístico desde 1931 e sede principal do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense desde 1951, e efectuar unha correcta interpretación da arquitectura deste edificio.

O pazo edificouse á beira da igrexa de Santa María –levantada en 1088, no bispado de Ederonio– e da torre Beati Martini –tamén daquel período– constituíndo así o primitivo núcleo románico, e foi construído no século XII –bispado de D. Diego Velasco (1110-1132)– cunha planta de dúas ás en “L”, como o seu coetáneo o Palacio Real de Pamplona hoxe Archivo General de Navarra, deixando entre elas un amplo patio aberto. Este singular conxunto palaciano foi coñecido na documentación medieval como paaços, torres et curral do bispo d’Ourens.

Na planta baixa da fachada oeste (dereita da fotografía) localizábase o arco monumental de entrada –enmascarado polas reformas dos séculos XVII e XVIII– e ambas fachadas quedaban conformadas por arcadas de columnas pareadas separadas por piares; estas columnas asentábanse sobre bases de perfil xeométrico e contaban con capiteis vexetais –con paralelos na Catedral de Ourense– sobre os que se apean arcos de medio punto. No primeiro piso das dúas fachadas que dan ao patio había seis xanelas con parteluz e arco de descarga con rosca de bólas; o edificio rematábase cunha cornixa voada sobre canzorros de tipo xeométrico.

O feito de que se conserven as paredes do pazo desde os cimentos ata a parte superior fai que sexa un dos escasos exemplos de arquitectura civil románica conservados en España. Aquel patio aberto é hoxe un espazo interior e máis pequeno, ao aire libre, do edificio actual, e o seu aspecto orixinal quedou encuberto polas numerosas reformas e adicións góticas, renacentistas, barrocas e mesmo contemporáneas.

Ver vídeo en 3D:

Evolución histórica d edificio del Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Publicacións:

FARIÑA BUSTO, Francisco: Pazos, torres e curral do Bispo de Ourense. Anexos do Boletín Avriense, 19. Grupo Marcelo Macías, 1994.

FARIÑA BUSTO, Francisco; XUSTO RODRÍGUEZ, Manuel: Catálogo. Ourense. A Cidade, da orixe ao século XVI. Catálogo da exposición. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, 2008.

AA. VV.: Estudos. Ourense. A Cidade, da orixe ao século XVI. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, 2010.