Peza do día: Placa de cinto de Santomé

17/06/2020 | xeral
caballo_santome_museo

#aculturasegue

Placa de cinto na que aparece minuciosamente representada a figura dun cabalo ao paso: cascos, cola -coas sedas marcadas por medio de incisións-, orellas, crinas, omoplata esquerda e parte da montura. A figura aparece enmarcada na parte superior e inferior por unha barra con cinco apéndices, que recordan as protuberancias que teñen algunhas fibelas rectangulares nas esquinas. A placa articularíase coa fibela mediante unha bisagra e iría unida á correa de coiro por medio de dous botóns soldados no reverso, un á altura da anca, e o outro, do que só queda o resto da soldadura, á altura da parte superior das patas dianteiras. Esta particularidade de botóns ou dobróns en lugar de remaches, individualiza as producións hispánicas das do resto do imperio romano. Os paralelos máis próximos encontrámolos nunha placa de cinto depositada na Universidade de Santiago de Compostela e noutra procedente de Argeliers (Aude).

Este tipo de broches formaba parte dos cingula militiae, cinto dos militares romanos, elemento moi importante do uniforme, ata o extremo de que por extensión o nome pasou a designar o servizo militar mesmo. Adoitaban estar realizados nunha placa rectangular de bronce, a miúdo con decoración calada, compoñendo diversos motivos. Os cingula militiae servían para suxeitar a espada e tiñan un carácter simbólico e de representación social, tanto entre os militares coma entre os funcionarios civís. A concesión do cingulum, estaba rixidamente regulamentada, levando implícita unha cerimonia suntuosa de xuramento do cargo. A súa presenza en Santomé explicaríase porque na tardorromanidade algúns elementos da vestimenta militar se integraron na indumentaria civil, e en concreto os broches de cinto, que estarían en relación coa xeneralización da túnica, peza cinguida ao corpo por medio dun cinto.

Esta placa de cinto estivo exposta recentemente na exposición “Santomé. Conxunto Arqueolóxico Natural”.

Máis información na Peza do mes de maio de 2000