Peza do día: Vaso de San Cibrao de Las

13/04/2020 | xeral

#aculturasegue

Vaso cilíndrico, “Tipo San Cibrao de Las”, con perfil cóncavo flexionado, labio exvasado indefinido polo exterior e pregadura con faceta horizontal polo interior. Ten asa vertical cilíndrica a media altura e o seu fondo é plano, aristado por fóra e redondeado por dentro. A decoración ocupa todo o exterior do corpo. O seu esquema decorativo ocupa toda a superficie da vasilla e está formado por motivos estampillados de aspas, dobres “uves” contrapostas e pequenos círculos, compoñendo tres bandas horizontais e paralelas intercaladas con intervalos lisos. Pasta de textura media e coloración discontinua entre o castaño e o gris case negro. Superficies alisadas, suavizada e uniforme a exterior, avultada e coas marcas dos rolos de arxila a interior. Ten unhas medidas de 22,7 x 37,2 x 2,4 cm e o seu encadre cronolóxico sería en torno ó cambio de era (século I a. C. – I d. C.).

Procede do castro de San Cibrao de Las (San Amaro-Punxín, Ourense), atopado na escavación arqueolóxica do ano 1987. A enorme variedade de tamaños neste tipo de vasillas -entre 6 e 35 cm- fai supoñer usos diferentes. A presenza de feluxe relaciónaas co lume. A decoración e a forma rememoran os caldeiros feitos de táboas e arandelas de metal.