Peza do día: Retrato de Paz Novoa

04/05/2020 | xeral
MPORFDX1236_R

#aculturasegue

O retrato de Juan Manuel Paz Novoa foi pintado en 1868 en Santiago de Compostela xa que así asina e data o lenzo o autor, J. M. Salgado Rodríguez. É un retrato de busto, de pequenas dimensións e formato ovalado, algo habitual no arquetipo de retrato burgués galego do romanticismo, no que Paz é retratado á idade de vinte e nove anos coa medalla de catedrático sobre o peito. Trátase dunha obra moi académica, na que a fidelidade ao retratado é o esencial de maneira que a pose, a vestimenta e as tonalidades usadas son consecuentes co obxectivo de dignificar o personaxe e outorgarlle a distinción social que lle corresponde.

O interese desta obra procede do retratado, Juan Manuel Paz Novoa (Ourense, 1839−1895), un dos ourensáns máis ilustres da segunda metade do XIX. Da súa formación académica destacaremos a licenciatura en Dereito pola Universidade de Santiago (1861) e o grao de doutor en Dereito pola Universidad Central de Madrid (1862). A maior parte da súa vida transcorreu en Ourense onde mantivo estreitas relacións co grupo de intelectuais daquel período e foi amigo, entre outros, de Curros Enríquez, Valentín Lamas Carvajal e Marcelo Macías; pero tamén sabemos da súa grande amizade con Manuel Murguía, co que mantivo unha intensa relación epistolar, e de feito foi Paz quen o enlazou con Emilio Castelar que chegaría a prologar Follas Novas (1880) de Rosalía de Castro. Paz Novoa tamén foi quen representou a Curros Enríquez no xuízo seguido contra el trala publicación de Aires da Miña Terra.

A través de este retrato, doado ao Museo por Anselmo López Carreira, queremos lembrar a este avogado, xornalista e político que naceu en Ourense un 4 de maio de 1839.

Máis información na Peza do mes de setembro de 2015