Peza do día: Relevo da Adoración dos Magos

22/04/2020 | xeral

#aculturasegue

Escena en relevo interpretada como a Adoración dos Magos, na que a composición redúcese ás figuras principais: a Virxe, entronizada e co Neno sentado no colo, e os tres Reis ofrecendo os seus presentes, un deles axeonllado. O modelado das figuras acusa unha acentuada rudeza e sumariedade. Van vestidas con túnicas ata os nocellos, en cuxos baixos insinúanse apenas uns lixeiros pregues, e os trazos dos rostros quedan reducidos a simples incisións, sen que existan distintivos persoais.

Esta obra, xunto a outro relevo figurado cunha posible escena da Resurrección de Cristo, e unha ventá xeminada con arcos de ferradura, constitúen os únicos restos conservados do mosteiro dúplice que documentan as fontes históricas en San Xoán de Camba (Castro Caldelas, Ourense), fundación do bispo don Diego no ano 963.  En ambos relevos os volumes aparecen decididamente resaltados do fondo e o tratamento do modelado supera os efectos da labra a bisel das producións dos séculos anteriores, marcando a transición cara ao románico pleno.

Máis información na Peza do mes de decembro de 2001