Peza do día: Ola. Castro Coto do Mosteiro

15/06/2020 | xeral
Fotograf’a Ola do Castro Coto de Mosteiro

#aculturasegue

Na campaña de escavación do ano 1984, dirixida por Luís Orero Grandal, no castro Coto do Mosteiro foi documentada esta ola. O castro localízase no lugar do Mosteiro, parroquia de Santa Uxía de Lobás, no concello do Carballiño. A súa fase de ocupación iniciase ao redor do século IV a. C, no momento da segunda Idade do Ferro, cando se produce o levantamento dos novos poboados fortificados, asentados nos vales, a media ladeira ou en outeiros, e rodeados de terras cun aproveitamento agrícola. Esta localización orixina a construción de importantes sistemas defensivos de murallas, foxos e parapetos, ás veces de grande altura e monumentalidade. E será no Ferro final, sobre o século I d. C, cando remate a ocupación de Mosteiro.

Esta ola recuperouse, en oito fragmentos, na primeira campaña de escavación. Modelada á man, ten forma globular, medianas dimensións (11 cm x 18 cm) e o bordo lixeiramente exvasado. Na ombreira está decorada con tres liñas paralelas incisas, as dúas superiores enmarcan unha franxa decorada con tres círculos estampados e acompañados de dúas filas cun punteado; debaixo, no comezo da barriga, están os abanos recheos de pequenas liñas impresas de punteado e rematados nos extremos con dous círculos e no vértice con tres círculos estampados. A decoración dos motivos en abano e as súas distintas variedades e combinacións é a máis característica do Coto do Mosteiro, testificada polos numerosos exemplares atopados.

Máis información na Peza do mes de maio de 2018