Peza do día: O mapa de Fontán

29/05/2020 | xeral
museo_ourense_mapa Fontan

#aculturasegue

Domingo Fontán Rodríguez é un home moi recoñecido pero pouco coñecido. Desde 2004 unha fundación leva o seu nome e terma exemplarmente da súa memoria. Naceu no lugar de Porta de Conde, ao pé de Caldas de Reis, en 1788 e era membro dunha familia de «no escasa fortuna». Estudou en Noia cun tío crego, logo en Santiago. Precoz e extraordinario estudante, finalizou as carreiras de Filosofía e Letras, Teoloxía e Matemáticas, en cuxa facultade, logo doutras ocupacións docentes, foi catedrático de Matemáticas Sublimes desde 1828. Propietario dunha fábrica de papel en Noia, deputado nas Cortes e director do Observatorio Astronómico de Madrid foi un polifacético ilustrado tardío e morreu en Cuntis en 1866 despois dunha intensa e produtiva vida.

O seu mapa cartográfico, de gran rigurosidade e precisión é o primeiro realizado en España con medicións matemáticas. Para elo primeiro fixou a posición exacta da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago por medio de medicións cun sextante. Segundo, fixou unha base entre o lugar de Formarís e a Lomba de Boisaca, para logo calcular os lados do triángulo inicial e a latitude, lonxitude e altura dos vértices, e a continuación ir replicando o proceso por todo o territorio occidental. Terceiro, mide unha nova base no Corgo, Lugo, para poder establecer as medicións na parte da Galicia oriental e o empate con Asturias, Zamora e León. Cuarto, para a altitude usou cálculos barométricos, con axuda do seu irmán, quen medía a presión e temperatura en Noia ao tempo que el o facía no punto no que se encontrase.

A realización do mapa foi posible polo seu esforzo e fortuna. En total foron uns 17 anos de traballo, no que montou 467 estacións xeodésicas en Galicia, 43 en Asturias, León e Zamora, e 3 en Portugal.

Ao inxente traballo de recollida de datos numéricos e esbozos de campo, engadíaselle logo a elaboración deles ata convertelos en información sobre o papel. Declarou que «conocía los 3.600 curatos y cinco catedrales y haber recorrido más de 10.000 pueblos, escuchando las quejas». Seguramente ninguén coñeceu mellor Galicia.

O mapa está elaborado a escala 1:100.000 e cada unha das doce follas, mide 58 x 72 cm, polo que o seu tamaño conxunto, montadas as follas, é de 2,16 x 2,32 m.

Máis información na Peza do mes de xaneiro de 2017