Peza do día: Molde de arxila. Castro Coto do Mosteiro

08/06/2020 | xeral
molde_coto do mosteiro_R

#aculturasegue

Nas excavacións realizadas no xacemento arqueolóxico chamado Coto do Mosteiro, situado nun outeiro dominante moi preto da vila ourensá do Carballiño, de todos os materiais recuperados, o que máis chamou a atención no seu momento, foi a gran cantidade de moldes de arxila para facer obxectos metálicos. Entre os fragmentos recuperados pódense distinguir moldes para elaboración de alfinetes (prendedores de roupas ou cabelos) con cabeza máis ou menos decorada. Polo material recuperado ó que se asocian estes moldes, cronoloxicamente situaríanse no século I a. C.

En total recuperáronse trescentos sesenta e cinco fragmentos de moldes, dos cales cento corenta presentan cavidades e formas máis ou menos recoñecibles mentres que os outros douscentos vinte e cinco son moi pequenos. Os máis grandes miden entre 5-7 cm e os máis reducidos, a maioría, teñen arredor dos 2 cm. Os moldes son obxectos que amosan unhas cavidades nas que se introduciría unha materia (mineral neste caso) en pasta líquida que, ó solidificarse toma a forma da cavidade que presentan.

Dada a concentración dos moldes no mesmo lugar, hai que desbotar o carácter puramente doméstico da produción xa que o material, nese caso, estaría disperso polo xacemento. Débese pensar no Coto do Mosteiro como un gran centro de produción especializado en facer pezas metálicas, de bronce, cunha función ornamental o que, unido ó impresionante sistema defensivo estaríanos a falar, sen dúbida, dun xacemento importante e con certo prestixio, ocupado, a xulgar polos estudos e traballos realizados, entre o século IV a. C. e o século I d. C.

Máis información na Peza do mes de febreiro de 2013