Peza do día: Modillón de Vilanova dos Infantes

24/04/2020 | xeral

#aculturasegue

Esta peza, xunto a outro modillón e un capitel, doadas ao Museo por José A. Queralt, procede do desaparecido mosteiro de Vilanova dos Infantes, fundado por Ilduara, nai de San Rosendo, cara aos anos 930-940. O estilo da fábrica do mosteiro corresponde ás fórmulas arquitectónicas do século X. Nesta época, a reforma monástica levada a cabo por San Rosendo e a política de repoboación iniciada por Afonso III darán lugar ao nacemento dunha nova arquitectura. Definida por Gómez Moreno como arte mozárabe, sería realizada por unha minoría cristiá que, formada na tradición musulmá, fuxira ao norte despois da primeira persecución cordobesa. Na actualidade, esta arte considérase integradora, o que se manifesta na pervivencia dun pasado hispanogodo, de tradición visigoda e mesmo hispanorromana. No século XVI, tras ser abandonado o mosteiro, a igrexa pasa a ser parroquial ata a construción da actual en 1614, sendo vendidas as súas pedras en pública poxa no ano 1893.

Os dous modillóns, destinados á soster o aleiro da cuberta, eran pezas de considerable voo. Este que presentamos, está decorado con oito lóbulos escalonados nos que se aternan rodas helicoidais de cinco raios curvos (agás o rolo maior que presenta seis raios) en sentido sinistro e rosetas de seis pétalos.