Peza do día: Lápida honorífica romana

28/05/2020 | xeral
lapida_romana_museo_ourense

#aculturasegue

Un dos números de inventario máis antigos do museo, o CE000308, corresponde a unha lápida honorífica do emperador Adriano, datada no 132, procedente de Nocelo da Pena (Sarreaus, A Limia).

Cando a ermida de San Pedro se arruína, o abade de Nocelo da Pena, Antonio Bugallal, trasládaa en 1835 ao adro da igrexa parroquial de San Lourenzo de Nocelo da Pena facendo con ela e outras tres inscricións o pedestal dun cruceiro. En 1897 foi trasladada ao Museo xunto coas outras tres inscricións aparecidas no mesmo lugar.

Trátase dunha placa rectangular de 45 x 77 x 10 cm, cunha inscrición en sete liñas, -as dúas primeiras liñas perdéronse ao retirala do seu primitivo asentamento na referida capela-, xa que as primeiras transcricións que se realizaran do epígrafe as incluían. Os laterais parecen estar intactos.

O texto latino cicelado en capital cadrada, ocupa toda a superficie da parte anterior e está parcialmente perdido. Só se conserva:

AE NEP / TRAIANO HADRIA/NO AVG PONTIF / MAX TRIB POT XVI / COS III P P CIVITAS

A transcrición do texto completo sería a seguinte: [(Imp(eratori) Caes(ari) divi Traiani Parthici (filio) divi Nervae nep(oti)] Traiano Hadriano Aug(usto) Pontif(ici) max(imo) Trib(unicia) pot(estate) XVI cons(uli) III p(atri) p(atriae) civitas (Limicorum.).