Peza do día: Inmaculada de Juan de Juni

31/03/2020 | xeral

#aculturasegue

Representa á Virxe de pé, sobre a media lúa e unha serpe de grosas espiras, portando un libro aberto na man esquerda; na man dereita, hoxe perdida, levaría o ramo de azucenas símbolo da súa pureza. Mostra a cabeza ladeada, cos ollos entornados e espesos cabelos ondulados, cuberta cunha toca anoada sobre o peito, onde loce unha xoia redonda das habituais en Juni. As roupaxes envolven á figura, distribuíndose en grandes masas de avultadas pregaduras que determinan esas formas rotundas e redondeadas, correspondentes á serenidade expresiva do último período de produción do imaxineiro castelán. Non falta nesta escultura, de 127 x 50 cm, o característico movemento helicoidal, moi manierista. A excelente calidade da talla refórzase co dourado da policromía e o tratamento das carnacións, que contribúen a alcanzar a súa expresión final de acentuada naturalidade.

É obra documentada de Juan de Juni, quen a cita no seu testamento como encargo de dona Inés Pérez de Belmonte, en 1577, para a súa capela funeraria no convento de San Francisco de Ourense.  A imaxe, que supón a chegada ás nosas terras do influxo directo da escultura castelá do momento, obedece ao tipo iconográfico establecido por Juni na escultura da Purísima do retablo da Antiga de Valladolid e na da igrexa do Salvador de Arévalo (Ávila).  Corresponde á etapa final de produción do artista de orixe borgoñona quen personaliza, xunto a Berruguete, a principal contribución á escultura do renacemento español e que vai deixar unha profunda pegada en boa parte da escultura manierista galega ata comezos do século XVII.

Máis información: Peza do mes de marzo de 1999