Peza do día: Fragmento da traza de Coro da Catedral de Ourense

18/06/2020 | xeral
coro_catedral_solis

#aculturasegue

As vellas catedrais gardan tras os grosos muros segredos da súa historia, que de cando en vez adoitan sacar á luz para revelarnos pequenos pasaxes do quefacer doutros tempos. Nun arranxo das bóvedas da catedral auriense, apareceu, entre escombros, este retazo do debuxo que en 1580 o mestre entallador chamado Diego Solís presentaba ante o Cabido para a renovación do vello e frío coro gótico. Foi atopado por José González Paz, que o dona ao Museo Arqueolóxico para o seu estudo e conservación.

É moi abundante a documentación existente (protocolos, contratos, cartas) referida a esta obra do novo cadeirado e grazas a ela sabemos que en escritura de 1580 se contrata con Diego Solís e Juan de Angés, veciños de León, a súa realización.

A execución dos traballos demorouse varios anos. Primeiro porque era habitual esperar moitos meses a que secara ben a madeira á empregar, pero tamén porque era frecuente que os artistas contrataran moitas obras e as veces non daban atendido a todas, causa de moitos preitos nesa época.

Angés intervén como escultor, formado no obradoiro do seu pai, Juan de Angés o Vello onde se impregna da arte de Juan de Juni, mentres que Solís traballa como ensamblador e entallador o que explica a discrepancia de estilo que se aprecia entre as figuras e os relevos da ensamblaxe, menos vigorosos aínda que tamén influenciados por Juni. Contaban para a tarefa con moitos colaboradores, oficiais e aprendices. Está documentada a presenza en Ourense de Esteban Jordán para supervisar os traballos.

Este coro, un dos conxuntos máis excepcionais da escultura manierista galega, representa no seu programa iconográfico ó apostolado, ós evanxelistas, ós mártires e ós santos de maior devoción popular destacando os relacionados con Ourense como Santa Eufemia e Santa Mariña. Neste fragmento observamos a figura de San Paulo de gran forza expresiva e clara influenza de Juni.

En 1937 o coro retírase para “engrandecer” a catedral e permitir a visión do altar maior; elo conleva a súa fragmentación e a ruptura do discurso iconográfico: o cadeirado alto colócase, trastocado, na capela do Santo Cristo e o baixo na capela maior; outros elementos dispersáronse por distintas dependencias da catedral.

Máis información na Peza do mes de xaneiro de 2007