Peza do día: Fotografía do Teatro Principal

27/03/2020 | xeral
1

#aculturasegue

Tamén chamado “de la Paz”, por estar situado na rúa dese fermoso nome, denominación coa que se conmemoraba un acto hoxe prohibido: un abrazo, xesto que puña fin a unha guerra en 1839. Ao redor dese ano parece que se construíu o teatro. Feito á moda da época: “á italiana”, é dicir, con varios pisos para palcos que delimitan o patio, cun deseño en ferradura e disposición radial para que o público visualice mellor a escena. A ornamentación, con telóns e pinturas alusivas a escritores e motivos teatrais, contribuía á formación da atmosfera adecuada para a representación da imitación da vida.

O teatro tivo ao longo da súa historia varias reformas. Quizais a máis importante foi a de 1915, cando se adapta ao uso como cinema. De todos os modos, seguiu ata 1975 acollendo funcións, actuacións e diversos actos, aínda que as sesións de cine eran o usual. Tiña como norma non estrear película algunha e tan só exhibir en “rigoroso reestreo”, como diría con sorna algunha das persoas usuarias, o que o levou finalmente ao peche.

Á situación de abandono posterior reaccionou a sociedade civil cunha campaña chamada “Salvemos o Principal”, cuxa loita logrou que o edificio fose adquirido para uso público e reformado a finais dos anos 80, momento ao que corresponden as imaxes que compartimos que forman parte do fondo documental do Museo, e son da autoría do fotógrafo Fernando del Río. Hoxe, no Día Mundial do Teatro, lembramos ese edificio no que se seguen a ofrecer historias nas que os actores mostran a súa valía para disfrute de todos os espectadores.