Peza do día: De Varia Commensuración, de Juan de Arphe y Villafañe

04/06/2020 | xeral
2009_04_P

#aculturasegue

Entre os libros que integran a Biblioteca da Comisión de Monumentos, conservados no Museo, figura unha obra que, segundo Palau, foi sempre buscada e aínda hoxe resulta útil para os artistas de todo xénero. Da súa consideración dá mostra o feito de que desde o século XVI se seguíu imprimindo ao longo do tempo, encontrándonos varias impresións no XVIII. A obra en cuestión é De varia commensuracion para la esculptura y architectura… de Juan Arfe (ou Arphe) de Villafane (ou Villafañe), neste caso unha sétima impresión falta de portada, na que o impresor indica nunha nota que é fiel ao orixinal ata o punto de incluír a licenza e privilexio de Felipe II, a dedicatoria ao duque de Osuna, unha advertencia aos lectores e o prólogo do autor.

É un libro en catro partes que tratan da xeometría, do corpo humano, dos animais de catro pés, das aves, da arquitectura e pezas da igrexa. É unha obra curiosa e interesante, con referencias á historia da arte, na que para cada voz, ao modo das entradas nun dicionario,ven unha breve explicación versificada acompañada sempre dun debuxo. Segundo os estudosos, reflicte a influencia en España dos tratados renacentistas italianos. Arfe advirte, no Libro I, da importancia das matemáticas na arte e na arquitectura.

No libro cuarto, que trata da arquitectura, fai referencias laudatorias á obra dos grandes prateiros como o seu avó, Henrique de Arphe (Enrique de Arfe) ao que se lle atribúe a cruz procesional de Ourense.

Máis información na Peza do mes de abril de 2009