Peza do día: Caixa para selo de época romana

11/06/2020 | xeral
caixa selo_museo

#aculturasegue

Esta caixa para selo procede do asentamento romano dos Baños de Río Caldo (Lobios). Presenta forma de corazón coa tapadeira decorada cun círculo en relevo, do que saen dúas liñas en forma de corazón. Conserva restos de pasta vítrea de cores vermella e verde. Este singular obxecto está relacionado co servizo postal, coñecido como cursus publicus, instituído por Augusto e permitía a relación entre o goberno central e o periférico do imperio.

Estes curiosos recipientes servían para protexer ós fráxiles selos persoais de cera, que garantían a inviolabilidade e segredo do material enviado. Despois de atar cun cordón as taboíñas enceradas, moi usadas na correspondencia privada, os rolos con escritura ou calquera outro paquete, os extremos da corda eran introducidos na caixa polas fendeduras laterais; a continuación, vertíase a cera sobre o nó e imprimíase sobre a cera o selo persoal, pechándose por medio da tapadeira. Fixábase o paquete postal pola cera que fluía polos orificios da base, que o mesmo tempo teñen a función de deixar entrar aire, asegurando un perfecto selado.

No tocante a súa cronoloxía, véñense situando a partir do século III d C., como ésta empregada nos Baños de Río Caldo, nun ambiente de casa de campo, que tamén debeu de prestar servizo de índole público en relación coa posta romana, pois nesta zona os investigadores sitúan a mansio Aquis Originis.

Más información en la Pieza del mes de enero de 2006