Peza do día: Bacín

25/03/2020 | xeral
Bacin

#aculturasegue

¡AGUA VA!

Unha ordenanza de Ourense do 1556 estipulaba que todos os sábados os veciños limpasen o seu espazo de rúa, que recollesen o ciscallo e esterco e que non tirasen lixo nin “bacenda”, é dicir, que non baleirasen os bacíns na rúa. Aínda que eran coñecidos dende época medieval o seu uso  xeneralízase entre os séculos XVI e XVIII ao abeiro das melloras hixiénicas. Usábanse para a evacuación de excrementos humanos, como a bacinilla, que non é outra cousa que un bacín baixo. O vidrado interior, que o impermeabilizaba, e a súa altura facilitaba o seu uso. Para baleiralos, como advertencia aos viandantes era preceptivo que o veciño que quería lanzar augas sucias, antes anunciase por tres veces a acción por medio da expresión ¡agua va!, de modo que a persoa que circulase por debaixo da ventá puidese pórse a cuberto. O  exemplar da imaxe procede do antigo Pazo episcopal, atopado nas escavacións do ano 2003 en relación cun cano de desaugue construído en 1585. Conservamos outro de similar factura procedente da Casa dos Gayoso (hoxe Confederación de Empresarios de Ourense).

Máis información: Peza do mes de setembro de 2008