Peza do día: Autorretrato de Parada Justel

15/04/2020 | xeral
MPORFCE003173_R

#aculturasegue

No Día Mundial da Arte lembramos ao excepcional pintor Ramón Parada Justel (Esgos 1871 – Ourense 1902) cun debuxo pertencente ás coleccións do Museo grazas á xenerosa doazón da irmá do pintor, Modesta, en 1951.

É un autorretrato na súa época de xuventude no que se presenta en busto, coa cabeza ladeada e elegantemente vestido. Usa o lápis cun trazo caligráfico firme e un sombreado cheo de matices que logra a captación das faccións do rostro de xeito realista e expón a súa gran capacidade de debuxante. No ángulo inferior dereito pódese ler, escrita no papel, a data: “Esgos. 10 de septiembre – 1893. Domingo“, polo que sabemos que foi realizado antes da súa partida a Roma, en plena etapa de formación e experimentación.

Amosouse ao público na exposición “Os satélites. Parada Justel” organizada polo Museo Arqueolóxico no Centro Municipal “Ángel Valente” en 2014/2015 da que se editou un catálogo.