Peza do día: Áureo de Claudio procedente de Castromao

26/05/2020 | xeral
áureo_castromao

#aculturasegue

Esta moeda de ouro acuñada nas cecas imperiais de Roma, atopouse formando parte dun conxunto de sesenta e cinco moedas gardadas no interior dunha xerra cerámica escondida nunha das estruturas construtivas da plataforma baixa do xacemento de Castromao (Celanova) durante a escavación realizada no ano 1970. Nesa mesma campaña houbo outro achádego importante: a tabula hospitalis, que no seu texto dá conta do pacto de mutuo apoio entre a comunidade dos Coelerni, os habitantes de Castromao e a súa contorna, e Gneo Antonio Aquilo Novaugustano, xefe dunha unidade militar romana, a Cohors I Celtiberorum.

No anverso da peza podemos observar a cabeza do emperador Claudio que mira á dereita, con coroa de loureiro rodeada por unha lenda que en sentido de dereita á esquerda permite ler: TI. CLAVD. CAESAR AVG. P.M. TR. P. VI. IMP. XI. Temos aquí o nome completo do emperador, acompañado da mención do desempeño de dous cargos, o que permite precisar a data de acuñación nos anos 46-47, xa que é o momento no que coincide o desempeño das maxistraturas, a Tribunicia potestade e o nomeamento de Emperador. No seu reverso aparece un arco trunfal, coa inscrición DE BRITANN, coroada por unha estatua ecuestre do emperador flanqueado por dous trofeos. O módulo da peza é de 18 mm e o seu peso 7,82 grs. A gráfila de puntos non está completa, apreciándose un lixeiro desprazamento dos cuños sobre o cospel, máis notorio no reverso.

Máis información na Peza do mes de novembro de 2000