Peza do día: Ara a Cibeles

03/05/2020 | xeral
MPORFDX0123_SEQ_004_R

#aculturasegue

Día da Nai
Ara romana dedicada a Magna Mater (Cibeles) procedente de Xinzo de Limia.
Cibeles deusa de orixe frixio, chamada polos romanos Magna Mater, a Gran Nai, converteuse na nai dos deuses e todos os seres vivos.  A aparición desta ara votiva, no predio coñecido como “Barreiros” en Xinzo de Limia, evidencia unha nova manifestación dos cultos orientais nesta zona e a importancia de Xinzo en época romana.

A lectura sería MATRI / DEVM / IVNIA / AVITA / EX VOTO

Junia Avita cumpriu o seu voto á nai dos deuses (Cibeles)

Para coñecer a orixe e posición social da dedicante desta ara de Xinzo, soamente contamos coa súa onomástica, Junia Avita. É de supor que se trataría dunha liberta hispano-romana, como indica a presenza do seu nome e cognome, habitual nas mulleres libres. En canto ao grupo social da dedicante, a súa condición de liberta sitúaa no grupo máis numeroso de devotos da deusa Cibeles.

Un dos aspectos máis significativos e simbólicos da cultura romana, estendido por todo o Imperio, foi o emprego do monumento  epigráfico, creando diferentes tipos e contidos en función da interrelación entre o epígrafe exportado de Roma e o substrato cultural no que se instala, condicionando o contido da inscrición e creando unha nova conciencia epigráfica. Neste caso Roma non só exporta o soporte epigráfico senón tamén a deidade, que á súa vez importara dos cultos orientais.

Máis información na Peza do mes de outubro de 2006