Peza do día: A Dona do Museo de Acisclo Manzano

06/05/2020 | xeral
MPORFCE004871_R

#aculturasegue

A Dona do Museo habitou nel dende que se expuxo hai máis de cinco décadas; quedou na escaleira ao xeito dunha Vitoria de Samotracia que tanto impresionou a Acisclo e vai ser fonte de inspiración nas súas obras posteriores, neses fermosos torsos de terracota nos que recolle a tradición mediterránea.

Esta escultura de Acisclo leva poesía que latexa nunha materia viva, orgánica e pura. A nosa Dona, muller sen idade, constrinxida á verticalidade, curvatura e estreitura do tronco de castiñeiro, retorce os brazos nunha aperta a si mesma e amósasenos espida de roupa e cores. Naturalidade suprema, sen máis aderezo que os ennegrecementos producidos polas queimaduras. O lume e a madeira parírona, Acisclo foi o mestre cirurxián que soubo arrincarlla á madeira. Aínda sangran nos laterais os trazos de lapis vermello marcándolle o camiño á gubia. Hai partes onde a madeira apenas foi tocada, respectando nós na súa orixinal expresión, nunha humilde complicidade entre o artista e a materia. A aparente sinxeleza e carácter artesán que emana esta imaxe non oculta unha concepción intelectual previa e a súa posterior execución alumeando un misterio intemporal. É a especie humana en estado puro, a existencia sen necesidade de historia.

Hoxe, a Dona do Museo, susurrounos que aquel que a creou está de aniversario.

Parabens Acisclo!

Máis información na Peza do mes de novembro de 2015