O MAPOU e o aniversario de NÓS

03/08/2020 | xeral
_DSC0137

As pernas xa non respondían como antano. En 1950, Cuevillas mantiña o porte de dandi que o caracterizara desde os seus anos mozos, mais perdera a axilidade que requiría o traballo dun arqueólogo. Un arqueólogo que non pode ir ao campo non é un arqueólogo completo, pensaba Cuevillas. Á súa dereita, Luís Pericot está de visita en Galicia e para na casa de Cuevillas. Aproveitan para visitar o Castromao. Tres anos máis tarde, durante o III Congreso Nacional de Arqueoloxía, Cuevillas xa non pode acompañalo na subida ao Castro de San Cibrao de Las. Desde os anos trinta, Cuevillas sufría unha grave afección reumática. En calidade de farmacéutico, que nunca exerceu máis que en si mesmo, probou canto remedio saía, sen resultado.

A enfermidade privouno de ir ao campo mais favoreceu que puidese dedicarse ás grandes monografías que había confeccionar nesta época. A base estaba recollida nas décadas anteriores. Desde 1920 un inmenso traballo de estudo do territorio: o catálogo dos castros e das mámoas galegas, os estudos comarcais, plasmados en xeiras como a do Deza ou Melide, Calvos de Randín ou Parroquia de Velle. A escavación de estacións megalíticas ou de numerosos castros galegos e a sistematización da prehistoria galega. Todo dende o coñecemento das fontes antigas e das máis avanzadas teorías e métodos.

A intensa actividade despuntou na ciencia arqueolóxica. Na escola catalá de arqueoloxía, dirixida por Bosch Gimpera brillou pronto a figura de Cuevillas, por iso, cando o seu discípulo Pericot vén desempeñar a cátedra de Arqueoloxía da Universidade de Santiago en 1925 trae a misión -recomendada tamén por Obermaier- de buscar a Cuevillas e canalizar o seu traballo cara á Universidade. Desde 1928, xuntos, dirixen as escavacións do castro de Troña en Mondariz e consolidan unha profunda, sincera, fiel e desinteresada amizade. Cuevillas é a indiscutible referencia da arqueoloxía galega do seu tempo e Pericot unha das figuras claves da prehistoria española. Desde o ano anterior tivera que abandonar Galicia e só volvería en contadas ocasións, como a que inmortaliza a fotografía. Cando Florentino Cuevillas falece Pericot, nas páxinas do Boletín da Comisión de Monumentos, escribe un emotivo recordo sobre a fascinación que lle producira tanto o científico como a persoa.

Cuevillas e Pericot desenvolveron, xunto a outras persoas, un frutífero e admirable labor nos anos vinte. Como recoñecemento, cando se cumpren cen anos do nacemento da Revista Nós, o medio no que Cuevillas e esta Xeración publica as súas indagacións arqueolóxicas, este Museo quere participar no aniversario con dúas accións.

Por un lado, queremos mostrar a experiencia arqueolóxica desenvolta en Galicia desde 1920 ata 1936, a fin da revista e do movemento. Qué se está a facer en cada lugar e qué novidades se achegan. Igual que o facían no seu tempo, tamén cun ollo posto en Portugal.

Por outro lado, publicaremos a correspondencia persoal de Cuevillas, como medio de coñecer facetas da súa personalidade menos estudadas, introducirnos na intrahistoria de moitos proxectos e arelas e descubrir ou percibir éxitos, fracasos e preocupacións vividas.

Ao longo deste ano vimos dedicando á celebración do centenario cada Peza do mes. En datas máis próximas achegamos estas dúas novas iniciativas tomando como referencia a figura de Florentino Cuevillas, quen ademais de forxar e apoderar a identidade galega contribuíu ao incremento, estudo e salvagarda dos fondos deste Museo.