Marcelo Macías y García

05/08/2013 | xeral
Marcelo Macías

Don Marcelo Macías y García, astorgano de nacemento (1843), tras ordenarse sacerdote e dunha breve rexencia do curato de San Pedro de Bembibre, cumpre a súa ansia de estudar indo a Madrid onde se licenciou en Filosofía e Letras e opositou á cátedra de Retórica e Poética. Exerceu de profesor no Instituto Provincial de Ourense ata xubilarse en 1901. Compaxinou este labor coa do seu ministerio sacerdotal, sendo ademáis historiador, epigrafista e un gran afeccionado á numismática. Morre namorado de Galicia e da nosa cidade en 1941.

Bautizado por Emilia Pardo Bazán como o “Cicerón cristiano”, polo P. Fita “o Castelar do púlpito” e polo seu biógrafo, Otero Pedrayo, “o príncipe da oratoria”, foi moi admirado e querido pola sociedade ourensá e polos seus discípulos, que lle renden sentidas homenaxes. En 1917 entréganlle unha medalla de ouro coa súa figura modelada polo escultor Asorey e dedícanlle un soneto, obra do seu amigo Rey Soto. En 1935, unha comisión faille o encargo a José Núñez dun busto para o que don Marcelo posa pacientemente no taller do barrio do Couto mentres o escultor modela o barro. Feito o baleirado en escaiola, ábrese a subscrición para que discípulos e amigos colaboren en custear as 1.500 pesetas que supón a fundición en Madrid onde se fundiron dous bustos, un para o Instituto Nacional de Segunda Ensinanza, que hoxe se atopa no despacho do Director (no Instituto Otero Pedrayo), e o outro foi instalado cunha sinxela homenaxe na Biblioteca do Museo Arqueolóxico.

Don Marcelo, home recto e bo, foi un caudal de aportacións. Ademáis de publicacións, discursos e investigacións foi enorme o seu amor pola docencia e a educación. Formou parte do profesorado dos tres grandes centros educativos da cidade nese tempo: Seminario, Instituto e Escola de Artes e Oficios, nos dous últimos como director, e presidiu o Ateneo e a Asociación de Prensa de Ourense. Pertence a unha xeración intelectual, xunto a Vázquez Núñez, Fernández Alonso, García Ferreiro, Saco y Arce ou Paz Novoa, entre outros, que crearán a base social e cultural xerme da posterior obra da Xeración Nós e propiciadores, nas últimas décadas do século XIX, do rexurdimento da Comisión Provincial de Monumentos de Orense, unha institución na que se produce unha profunda anovación sendo presidida por Marcelo Macías e á que se debe a fundación do Museo Arqueolóxico en 1895, como medio de recoller e perpetuar os fondos do antigo Museo de Pinturas así como as pezas e obxectos que, xunto coa súa calidade artística servisen para o coñecemento histórico do pasado da nosa provincia. En 1898 iniciase a publicación do “Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense” que ata 1960 servirá para divulgar as investigacións arqueolóxicas e históricas que se realizaban arredor do Museo. Tanto éste como o “Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense” (1943-1953), deixaron de publicarse ata que, en 1971, apareceu para proseguir a súa espléndida labor o “Boletín Avriense”, realizado polo Grupo de colaboradores do Museo e Arquivo Provinciais que se denominará Marcelo Macías, “…en memoria del sabio humanista que, aquí en Orense, se consagró, de una manera brillante, a los estudios de Numismática y Epigrafía… en su preocupación por dotar a Orense de un rico y digno Museo…”.

En 1939, o Estado faise cargo do museo que pasa a “depender del Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos” e nomea a don Marcelo Macías Director Honorario.