Entrada occidental da Catedral de Ourense

16/08/2016 | xeral
catedral_ourense

O Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense non tiña acceso dende a súa construción na Idade Media e no século XX vai buscarse unha solución, con interese, ademais, por dotar á catedral dunha praza na súa fachada occidental.

O primeiro intento veu da man do bispo de Florencio Cerviño González que en 1926 comeza a buscar fondos para a intervención e a través do seu secretario Diego Bugallo Pita contactou co arquitecto porriñés Antonio Palacios, que foi o que en 1927 realizou o deseño dun proxecto que incluía unha mellora da fachada, o acceso á catedral e unha praza.

O seu proxecto constaba de tres solucións, a primeira (Solución A) formulaba unha praza porticada coma se fose un adro -coas basílicas latinas como referencia-, as fachadas laterais serían as das casas que quedaran en pé, e ao fondo unha rotonda con arco que pechaba o espazo. Diante da fachada da catedral unha escalinata de acceso que tería outros dous tramos de bancadas laterais na Rúa das Tendas -quedaría cortada para coches- e no centro da praza colocaríase unha estatua ecuestre de San Martín de Tours. Habería que derrubar varios edificios das rúas Tendas e Arcedianos. A segunda (Solución B) era unha versión reducida do primeiro proxecto para facelo máis económico, e a última (Solución C) era a mais modesta, cunha escalinata que ocuparía máis espazo e unha intervención moito máis reducida nos edificios circundantes.

O proxecto prevía ademais a consolidación da fachada do Pórtico do Paraíso sobre a que xa interviñera no século XVI Rodrigo Gil de Hontañon, Palacios propoñía facer o apeo de bóvedas e arcos que o necesitasen, realizar alicerces, comprobar o estado da fachada e recoñecer contrafortes e cantería. Unha vez consolidado o pórtico, suxería catro accións para devolver á fachada o aspecto que debía ter tido na Idade Media.

Non obstante, este proxecto non chegou a facerse realidade e en 1958 chegou a solución final coa configuración dunha nova praza e escalinata coa intervención do arquitecto Pons Sorolla no que constituíu unha das últimas obras emprendidas na catedral e que concluíu o seu proceso construtivo, á súa vez, a remodelación da praza rematou coa de reconstrución da casa da rúa das Tendas.

O resultado foi un novo espazo urbano, a Praza de San Martín, aínda que irregular, insuficiente e que en ningún caso alcanzaba a grandiosidade e solemnidade da proposta integral de Palacios.

Recreación en 3D do proxecto de Palacios realizada por Carlos Paz e publicada en

GARCÍA DÍAZ, J.M.: Plaza de San Martín, en Ourense. Del proyecto de Antonio Palacios a la actualidad. Anexo 37 do Boletín Avriense. 2006.