Castro de Trelle

04/07/2018 | xeral
castro de Trelle Voo Interministerial out 1981

A fotografía aérea aplicada á investigación do patrimonio arqueolóxico é unha singular ferramenta de traballo que lle permite ao arqueólogo detectar anomalías sobre a superficie terrestre derivadas da presenza do home. Anomalías ou trazas que son especialmente recoñecibles á vista de paxaro, e que descifradas como se dun código secreto se tratase, nos mostran a imaxe dos xacementos como si se debuxasen nun plano.

A exposición VOANDO O PASADO. FOTOGRAFÍA AÉREA E ARQUEOLOXÍA EN GALICIA, producida polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e na actualidade itinerante por Galicia aborda ese uso como ferramenta de traballo arqueolóxico, e dela forma parte esta foto correspondente ao Castro de Trelle, que actúa de vértice entre os concellos de Toén, Barbadás e Cartelle (Ourense).

A fotografía aérea, como ferramenta arqueolóxica e obtida xa desde un globo aerostático, comeza a ser utilizada entre 1899 e 1909 polo arqueólogo e arquitecto italiano Giacomo Boni nas escavacións que el mesmo dirixía no Foro de Roma, fundamentalmente con finalidade planimétrica e estratigráfica -recollendo como avanzaban as escavacións-. En 1910, coa mesma finalidade de “levantar” o plano das escavacións de Numancia (Soria) que por entón estaba realizando Adolf Schulten, obteranse tamén fotos deste xacemento desde os globos Príncipe de Asturias e Urano, por esas datas presentes en Soria no marco dunha das “Escuelas Prácticas” realizadas polo Servizo de Aerostación Militar de Guadalaxara.

En Galicia será na década dos setenta do século pasado cando a fotografía aérea comece a ser utilizada de xeito sistemático na investigación arqueolóxica -aproveitando maioritariamente as fotos do voo americano de 1956-1957. A imaxe que vemos corresponde, non obstante, ao Voo Interministerial 1973-1986 dispoñible desde a Fototeca do Centro Nacional de Información Xeográfica (CNIG), e nela aparece o castro de Trelle nun fotograma obtido en outubro de 1981. A conxunción de luz, sombra, enfoque, cor e textura dá lugar a que na imaxe se recoñezan fundamentalmente trazas ou anomalías microtopográficas -relevos que se adiviñan polas sombras que proxectan- e fitográficas -crecemento diferencial da vexetación- que nos reflicten os elementos defensivos do castro -murallas e foxos- así como a súa ordenación interna, de tipo radial e correspondente a rúas que organizan as diferentes mazás, cunha estruturación interna moi similar á que se adiviña na Cidade de San Cibrao de Las. A imaxe de 1981 contrasta, non obstante, con imaxes máis recentes onde o castro aparece afectado por sucesivas agresións antrópicas.