Capitel do claustro de San Francisco

02/07/2014 | xeral
2014_07

O recinto conventual de San Francisco –na súa segunda fábrica– construíuse na primeira metade do século XIV. Actualmente consérvanse in situ o claustro, a sala capitular e os entrepanos murais da igrexa (trasladada a San Lázaro).

O claustro destaca pola profusión decorativa e nel atopamos dous tipos de capiteis decorados: vexetais e figurados (con animais e figuras humanas). No estilístico, a escultura do claustro correspóndese co estilo ourensán –denominación de Serafín Moralejo– na súa fase de disolución (1325-1350) mentres que no iconográfico boa parte das figuras derivan do repertorio románico (Pórtico do Paraíso e Claustra Nova).

As escenas figuradas non forman un programa homoxéneo, se intercalan con outras de tema vexetal, e dentro delas hai escenas de combate -entre animais, entre centauros e criaturas fabulosas, entre homes e seres fantásticos- e escenas sobre a tentación e o pecado ás que se ve sometido o cristián.

O capitel do centauro arqueiro (E14), aquí reproducido, sitúase na ala leste e representa a unha muller, cuberta con capirote, que tensa ou seu arco para lanzar a frecha sobre un lobo que protexe a outro co seu corpo. O tema dous centauros –de tradición clásica– retomouno o Mestre Mateo na Porta do Paraíso da catedral compostelá e o gótico ourensán reinterpretouno a partires del no claustro franciscano.

Publicacións:

FRAGA SAMPEDRO, María Dolores; FARIÑA BUSTO, Francisco: O convento de San Francisco de Ourense. Guías do Patrimonio Cultural, 6. Grupo Marcelo Macías, Ourense, 2000.

FRAGA SAMPEDRO, María Dolores: San Francisco de Ourense. Análisis histórico-artístico de la iglesia y convento. Anexos do Boletín Auriense, 28. Grupo Marcelo Macías, Ourense, 2002.