
Neste libro que presentamos, Arqueoloxía do noroeste peninsular en tempos de Nós, recóllense as achegas de diferentes especialistas sobre o traballo realizado polos propios integrantes do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos ao que pertencían e enriqueceron co seu traballo, así como a actividade arqueolóxica que se estaba levando a cabo por outros persoeiros que non pertencían a estes cenáculos pero que estaban desenvolvendo a súa actividade arqueolóxica nesta época no noroeste peninsular.
Os diferentes artigos que o conforman, están organizados de tal xeito que en primeiro lugar aparecen os referidos ás diferentes etapas culturais e aspectos concretos da cultura material, para posteriormente analizar a actividade arqueolóxica nas diferentes provincias, sen esquecer o norte de Portugal e a súa estreita relación coa Xeración Nós.
En síntese, todos os artigos resaltan que o traballo realizado polos membros desta Xeración e do Seminario de Estudos Galegos, con Cuevillas á cabeza supuxo:
- A renovación da arqueoloxía en Galicia, incardinada nas correntes metodolóxicas e historiográficas do que estaba acontecendo no resto de Europa.
- A sistematización deste amplo período cultural. Sentando as bases para estudos posteriores.
- A mirada integradora que tiñan da cultura, tanto polo traballo desenvolvido nas xeiras, como pola visión etnoantropolóxica que asoma nos traballos arqueolóxicos.
En resumo, o conxunto de achegas que integran este volume constitúe un importante corpus que permite ampliar a mirada sobre a investigación arqueolóxica producida en Galicia nestas décadas, os métodos utilizados e os avances que se conseguiron no coñecemento do noso pasado, necesario para entender o presente e imaxinar un futuro máis prometedor.