Allariz. Rúa da Ferreiría polo Marqués de Santa María del Villar

18/08/2017 | xeral
Fotograf’a dunha rœa de Allariz. Ourense

Na primavera de 1959, moi preto dos 80 anos, mantiña o Marqués de Santa María del Villar intacta a súa esencia: a paixón pola fotografía unida a unha incansable afección viaxeira. Calidades persoais que destinou á divulgación do patrimonio cultural o que o levou a recorrer practicamente todos os puntos da xeografía española, entre eles, por varias ocasións a provincia de Ourense. Os seus monumentos, a súa paisaxe, as súas xentes captaron a atención do artista e sobre elas escribe nos medios máis importantes do momento.

Obsesionado coa autenticidade, a súa fotografía tenta reflectir o máis fielmente a beleza. Para el o segredo consistía en buscar os relevos nos efectos das luces. A arte fotográfica sería sempre un xogo difícil e cheo de sorpresas con esa cousa sutil e case inaprensible que é a luz. Naturalidade que defendía igualmente cando trataba a figura humana. A súa intención era retratar a vida da súa época, unha sociedade esencialmente rural, sen poses nin artificios. Por isto soia viaxar cunha cámara lixeira que o fixese pasar desapercibido, sen que a súa presenza modificase o comportamento das persoas. Trátase dunha fotografía de reportaxe fronte a unha de intervención que practicaron a maioría dos seus contemporáneos.

Nese ano do 59 captura varias imaxes da vila de Allariz. Entre elas atópase a da rúa da Ferreiría. Nesta vista o artista consigue plasmar os elementos verdadeiramente importantes do escenario escollido. Entre as vivendas, que na traseira acubillan o pano da muralla medieval, transcorre a vida diaria da rúa. Ao fondo unha persoa camiña de costas con présa cara un burro cargado mentres, por contrario, unha muller case integrada na arquitectura, harmoniza a escena, na postura de alguén que espera que pase algo, aínda que quizais nunca suceda nada. As profundas rodeiras labradas no decurso do tempo son as protagonistas da imaxe remitíndonos metaforicamente a un lugar moldeado ao longo dos séculos cunha longa historia.

A fotografía como documento permite conservar un instante do pasado. Permite que algo poida ser visto de novo. Por isto transmite nostalxia. Mais esa sensación é menor cando, como no caso da milenaria vila de Allariz, se soubo preservar a esencia.