A Casa do Concello de Ourense

06/07/2015 | xeral
2015_08

O lugar onde semella nada mudou continúa a ser territorio de conversa, paseo, mercado e reunión. Iso si, os vellos parladoiros de boticas e librarías foron substituídos por novos locais de ocio e o mercado que lle deu nome na idade media ten hoxe tamén unha vertente máis lúdica. E aínda que a Praza xa non é o centro xeográfico, segue sendo o lugar de referencia no que a comunidade se reúne nas celebracións, loitos ou reivindicacións.

Este particular e famoso auditorio inclinado aparece presidido polo edificio símbolo dende o século XVI dunha cidade que toma conciencia como tal. Nace como oposición ó establecido e manifestación física dun novo poder. A Casa do Concello vai ser dende entón o medio que rexe a vida da cidade, que recolle as demandas e queixas da veciñanza e mesmo que canaliza a súa voz ante instancias superiores. A situación do solar na que se constrúe había condicionar para sempre as dimensións do edificio. De moi reducidas proporcións foi o primeiro. Rematado de construír ó redor de 1519, respondería por un lado ás características dun pazo urbano da súa época: zaguán de entrada, patio interior, balcón na fachada e por outro, moi posiblemente, ó estilo marcado polo mestre de arquitectura Rodrigo de Badajoz. Sobre a porta de entrada un escudo imperial de Carlos I, hoxe recolocado no interior do edificio.

A finais do século XVII esta construción orixinaria estaba en moi mal estado e os problemas de espazo agravábanse, motivos que conduciron a contratar unha reforma do edificio co mestre de arquitectura Francisco de Castro Canseco. Ademais de amplia-lo edificio cara ó oeste, Castro Canseco introduciu algúns elementos ornamentais que lle prestaban carácter á construción como uns chapiteis coroando o tellado ou un escudo na fachada da rúa da Barreira, que, como curiosidade, foi aproveitado para remate do edificio construído no século XIX.

A mediados do século XIX os aires de renovación burguesa chegan á Casa do Concello, aínda que de forma moi parcial. É o momento no que o edificio se distingue coa colocación dun reloxo co que guia-la vida da cidade, mesmo de noite. Algunhas voces alertaron que a vella estrutura do tellado non aguantaría o peso da maquinaria e tal foi así que en 1874, o reloxo afundíase cara ó interior do edificio. A construción foi declarada en estado de ruína e deu paso a un concurso arquitectónico adxudicado ó arquitecto Manuel de Uceda, aínda que todo parece convir en que a verdadeira man foi outra. O deseño respondía a un edificio ecléctico que ben podería ter sido executado dúas décadas antes. Durante a fase de obra fixéronse abundantes cambios que modificaron sensiblemente o proxecto orixinal, a máis importante a do arquitecto Queralt. Co permiso dunha nova ampliación nos anos corenta do século XX, desta vez cara ó sur, quedaba así configurada a finais do século XIX unha das estampas máis tradicionais da cidade de Ourense.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Avelino; A Casa do Concello de Ourense.

Anexo 34 do Boletín Auriense. Grupo Marcelo Macías. 2015