Proxecto de catalogación do patrimonio cultural da Alta Limia

30/03/2011 | proxectos GMM
vista da Limia

O Grupo Marcelo Macías participa neste proxecto que se leva a cabo en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, e que financia a Fundación Pedro Barrié de la Maza, por medio da Convocatoria de proxectos en Colaboración 2006-2007.

Nos últimos tempos producíronse grandes cambios na valoración dos bens patrimoniais, pasando de ser considerados pola súa singularidade e excepcionalidade a representar outros valores crematísticos, sociais e de ordenación do territorio. O Patrimonio cárgase destes valores e pide unha comprensión da súa esencialidade diferente, que obriga a novas propostas metodolóxicas para alcanzar o seu coñecemento.

Esta nova situación impón un cambio na catalogación tradicional que se viña realizando, coa incorporación de novas categorías, e sobre todo, obriga a unha concepción integral na que estes bens deben ser entendidos, nun contexto amplo, en correspondencia coa cultura, e coa interrelación espacial.

A catalogación debe dar resposta a realidade da sociedade actual converténdoa nunha ferramenta práctica que sexa imprescindible no día a día da ordenación do territorio, e non só nun exercicio de mera erudición.

Para cumprir estes obxectivos é preciso realizar unha catalogación integral e exhaustiva dos elementos patrimoniais en relación coa súa contorna, e coa súa localización exacta, de tal forma que o seu aproveitamento sirva non soamente para a reconstrución do discurso histórico, senón ao mesmo tempo, de base para a ordenación do territorio, convertendo ao Patrimonio Cultural nun elemento organizador e non perturbador para actuacións que obedecen a criterios arbitrarios e que veñen provocando a alteración do tecido construído pola historia no propio territorio.

Tendo en conta estes preceptos, preténdese catalogar unha comarca natural do sueste da provincia de Ourense, A Limia Alta, integrada polos concellos de: Xinzo de Limia, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Sarreaus, Porqueira, Blancos, Trasmiras, Calvos de Randín e Baltar. A territorialidade destes concellos ocupa aproximadamente 694 Km2, distribuídos en 80 parroquias que agrupan 249 núcleos de poboación. Desde o punto de vista da xeografía física, preséntase como un gran anfiteatro delimitado ao sur pola Serra do Larouco, pola de San Mamede ao norte, e as Serras de Bande e Penamá ao oeste, quedando o límite oriental más impreciso.

Para levar adiante este traballo requírese a formación dun equipo interdisciplinar, formado por: historiadores, arqueólogos, historiadores da arte, restauradores, arquitectos, etc., que ben a nivel consultivo ou propositivo, aporten a cada ben catalogado o seu particular punto de vista. O equipo debe ser unha realidade pluri ou interdisciplinar, en consonancia cos novos tempos, posto que só varias persoas de coñecementos complementarios poden abarcar a complexidade deste tema, no que se requiren metodoloxías e plans diferentes. A intervención de todos estes profesionais faise imprescindible nos contidos de información da catalogación, que serán a base histórico-científica para a reconstrución histórica, para posibles intervencións e para a ordenación do territorio. As visións integradoras enriquecen calquera esfera da actividade humana, pero supoñen un esforzo importante porque implican consensuar.

Conscientes desta realidade, o equipo proposto para levar adiante este proxecto, reforza esa multidisciplinaridade e a complementa nos diferentes estamentos que configuran o equipo total (coordinador xeral, investigadores principais, equipo de traballo e investigadores colaboradores), en función das necesidades das fases de traballo en que intervén cada un deles.