Zanfona

setembro 2017 | peza do mes | Roberto Aneiros García
Zanfona. Peza do mes

Esta zanfona (inv. CE000690) foi doada por Faustino Santalices Pérez (Bande, 1877 – Madrid, 1960) á Comisión Provincial de Monumentos en 1904.

Naquel momento o doador era un mozo de vinte e sete anos que había seis anos que comezara a súa colección de zanfonas, a primeira comprouna en 1898 e a do museo estaría tamén entre as súas adquisicións iniciais.

A zanfona galega –tamén chamada española ou ibérica– é un cordófono fregado de roda, diferente dos modelos europeos, entre cuxas características están as seguintes: habitualmente consta de tres cordas cantantes e dous bordóns, ten forma de guitarra con perfil en cuña –máis alta na parte onde se encaixa o manubrio–, o fondo e a tapa de harmonía son planas, as caravillas dispóñense lateralmente, carece de oídos sonoros e adoita levar un pequeno burato no lado dereito dos aros.

A zanfona pode tocarse de pé, colgada dunha correa en bandoleira, ou ben sentado, apoiándoa sobre os xeonllos, xírase o manubrio coa man dereita e coa esquerda prémense as teclas, non era raro que se acompañase dos ferriños, tocados polo lazarillo que seguía o cego.