Virxe do Carme. Retablo de Alongos

marzo 2018 | peza do mes | Belén Lorenzo Rumbao
Virxe do Carme

A presente talla presidía o retablo da capela do pazo ou Casa Grande situada no barrio de Outeiro en Alongos (Toén, Ourense), coñecida despois como Casa de Saco por ter nacido nela o presbítero humanista Juan Antonio Saco y Arce (1812-1881), autor dunha abondosa obra poética e da que se considera a primeira gramática galega científica, publicada en 1868.

Esta imaxe da Virxe do Carme está delicadamente tallada en madeira, dourada e policromada, e ten unhas dimensións de 94 x 33 x 46 cm. Representa unha muller nova cun rostro ovalado de suaves faccións e expresión serea, enmarcado por un pormenorizado cabelo que cae nunha longa guedella sobre un dos ombreiros. Vai toucada cun movido veo e ampla coroa dourada. Na man dereita, estendida, ofrece o atributo iconográfico do escapulario, símbolo de protección, e coa man esquerda suxeitaría o Neno, hoxe perdido.