Vaso e cazola da Idade do Bronce. Partovia, O Carballiño

marzo 2016 | peza do mes | José Suárez Otero
Vaso e cazola da Idade do Bronce. Partovia, O Carballi–o. Peza d

Estes dous recipientes foron atopados polos espeleólogos do Clube Espeleolóxico Mauxo de Vigo, nas grechas dunha penedía granítica sita no lugar de Grobas no Penedo, parroquia de Santiago de Partovia (O Carballiño). O contexto é, por tanto, o agochamento de vasos cerámicos enteiros en espazos que, polas súas características e localización, resultan inhábiles para calquera actividade humana que non fose afastar intencionalmente obxectos do ámbito do cotián. E tratándose de recipientes cerámicos, semella máis crible que a intención non fose agochalos, dado que carecen de valor material intrínseco, senón depositalos, eles ou o que puidesen conter, amortizándoos nun espazo alleo e mesmo inconveniente a funcións ou significados relacionados coa vida material.