Vaso da Idade do Bronce de Pardollán, Valdeorras

xaneiro 2014 | peza do mes | José Suárez Otero
2014_01_p

O vaso atopado recentemente nunha cova do lugar de Pardollán, no concello de Rubiá de Valdeorras (Ourense), nas abas orientais da Serra da Enciña da Lastra, contextualízase arqueoloxicamente na ocupación das covas cársticas das serras orientais de Galicia durante a Idade do Bronce, e a súa recuperación e ingreso no Museo débese ao grupo de espeleoloxía «Águilas Verdes». Estamos diante, como en tantas ocasións, dun achado fortuíto, valioso por ter sido recuperado para o noso patrimonio arqueolóxico.

O feito nada frecuente de aparecer o vaso enteiro e a caracterización tanto técnica coma formal que esa condición permite, ofrécenos elementos suficientes para poder levar a cabo a súa identificación e mesmo unha primeira interpretación da súa posible función e significado.