Vaso cilíndrico. Castro de San Cibrao de Las

setembro 2019 | peza do mes | Alba Antía Rodríguez Nóvoa
Vaso cil’ndrico. Casto de San Cibrao de Las

O vaso cilíndrico que presentamos foi recuperado no xacemento de San Cibrao de Las, na campaña de escavación de 1982 dirixida por Bieito Pérez Outeiriño. Ten un tamaño medio, dunha forma lixeiramente troncocónica e cóncava. Isto débese a que o diámetro do bordo (20 cm aproximadamente) é algo maior que o da base (17 cm). O labio é exvasado, facetado cara ao interior, e non se diferencia do corpo polo exterior. Conserva unha asa de sección cilíndrica colocada a media altura, pero é probable que tivese unha segunda no lado oposto. O fondo, como é habitual nas pezas deste tipo, é plano. O acabado exterior é un alisado suave, especialmente na parte inferior, onde se aprecian as pegadas dos rolos de arxila que conforman o vaso. O esquema decorativo é o habitual dos vasos cilíndricos, con 3 grupos de bandas horizontais incisas que se dispoñen en grupos de 3, e un último grupo de 2 na parte inferior.

Segundo os contextos estudados onde se teñen localizado vasos cilíndricos, a presenza de terra sigillata itálica indica que son unha forma do cambio de era. Nos casos de xacementos como Laias ou, sobre todo, San Cibrao de Las, a forma continúa aparecendo en contextos do século I avanzado, ao atoparse algúns individuos en contextos con terra sigillata gálica ou hispánica. Tería, pois unhaperduración maior que en xacementos como Castromao ou Armea, onde non aparece en contextos desta cronoloxía.