Tortas de fundición. Calvos de Randín

outubro 2017 | peza do mes | Belén Lorenzo Rumbao
Tortas de fundición. Calvos de Randín

O tesouriño de Calvos de Randín é un conxunto de tortas-lingote de prata de moi alta calidade, de probable importación do sur de España, ocultos no seu día, en plena cultura castrexa, entre os anos 213 e 88 a.C., cun alto valor económico, cunha función primaria vinculada á ourivería e unha posible secundaria pre-monetaria.

As primeiras noticias da existencia dun tesouro arqueolóxico no concello de Calvos de Randín, foron proporcionadas polo periódico local La Región, que en xaneiro de 1962 se facía eco do descubrimento fortuíto dun acubillo de 17 tortas de prata maciza de forma ovalada achado por catro obreiros. Segundo relataron, as pezas encontrábanse ocultas no interior dunha vasilla cerámica que se fracturou no momento apresurado da recollida, e que estaba protexida por un pequeno muriño circular de pedra.

A aparición deste tipo de tortas, en distintos metais, e diversos tamaños é frecuente como forma de acumulación de metal na prehistoria, dende os momentos iniciais de desenvolvemento da metalurxia. Na cultura castrexa, son testemuña da forma máis habitual de almacenamento de metais nobres para a súa posible comercialización ou para a súa posterior transformación polo ourive.