Tenaces. Castro da Saceda

abril 2017 | peza do mes | Martiño Xosé Vázquez Mato
Tenaces do Castro da Saceda

O coñecido como Castro da Saceda ou A Cidá sitúase nun outeiro cónico no centro da penechaira conformada polas barbas da Serra do Larouco na súa caída cara o val do Támega, no concello de Cualedro (Ourense). O poboado configúrase arredor de tres recintos amurallados, dispostos en medias lúas defensivas xustapostas a modo de chanzos a diferente altura cara ao suroeste, sistema reforzado cun sistema de foxo-parapeto nas zonas de máis doado acceso. Este programa defensivo adáptase á topografía do outeiro para acadar un espazo habitable.

O material arqueolóxico recuperado nas seis campañas de escavación dirixidas polos arqueólogos Antonio Rodríguez Colmenero e Covadonga Carreño Gascón (1983, 1984, 1985, 1986 e 1991) reducen case en exclusiva o abano temporal á 2ª Idade do Ferro.

No referido aos elementos metálicos recuperáronse abundantes obxectos de ferro e bronce. Entre os artefactos metálicos realizados en ferro que foron recuperados destacan os coñecidos como mazos de canteiro, machados, espadas curtas afalcatadas, instrumentos de construción, etc. Aqueles outros realizados en bronce como adornos, agullas para o cabelo, fíbulas, broches e incluso un torque apuntan á existencia dun grupo social diferenciado propio dun proceso de xerarquización social.

Estas tenaces de ferreiro foron fabricadas con dous brazos rectos de sección cadrada e cabeza en curva con remates en forma de espátula. Ambos os brazos atópanse unidos mediante un pasador de bronce que facilita a súa apertura ou o seu peche converténdoa nunha ferramenta adecuada para suxeitar outros obxectos, arrincar cravos, etc.