Taboleiro de xogo. Aqvis Qverqvennis

maio 2014 | peza do mes | Sonia Engroba Cabana
taboleiro xogo_Aqvis Qverqvennis

Os bens arqueolóxicos, en maior ou menor medida, axúdannos a achegarnos á vida dos nosos antepasados, neste caso, a un aspecto moi humano da vida dos soldados romanos: o xogo.

Este taboleiro procede do campamento romano de Aqvis Qverqvennis situado na parroquia de San Xoán do Baño, Concello de Bande. A bibliografía onde se dá a coñecer a existencia de taboleiros de xogo neste campamento (Excavaciones arqueológicas en Aqvis Qverqvennis) fálanos da exhumación de polo menos seis taboleiros –tabulae lusoriae–, e sete fichas de xogo –calculi–. Neste caso trátase de seis fragmentos de tégula nos que aparece debuxada unha maia de casetóns realizada cun obxecto punzante e que servía para a práctica de xogos como o ludus latrunculorum, considerado un xogo de estratexia militar, no que o taboleiro simbolizaba o campo de batalla.