Sólido de Honorio

novembro 2019 | peza do mes | Belén Lorenzo Rumbao
Fotograf’a dun S—lido de Honorio

Ao longo das numerosas campañas de escavación no Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé foron recuperados ata o de hoxe cento oitenta e un numismas de época romana, un total que inclúe as dezaseis moedas exhumadas na recente campaña de 2019, en fase de estudo.

Esta peza singular foi encontrada de xeito casual, en superficie, no ano 2003, por dona Teresa Feijoo García, quen logo duns días de chuvia paseaba por Santomé. Exemplarmente, axiña faría entrega dela no Museo, por intermediación de don José Manuel Uruburu Ventura. A moeda, carece pois dun contexto arqueolóxico máis preciso que a simple referencia topográfica ao xacemento.

Trátase dun sólido de ouro, en moi bo estado de conservación, acuñado por Honorio, primeiro emperador romano de Occidente (395-423 d. C.), tras a división do Imperio feita polo seu pai Teodosio, quen nomearía tamén o seu fillo Arcadio como emperador de Oriente.