Santiago peregrino de acibeche. As Burgas (Ourense)

abril 2021 | peza do mes | María del Pilar Núñez Sánchez
Santiago peregrino de acibeche: As Burgas, Ourense

Neste Ano Xacobeo 2021 queremos dedicar esta Peza do mes a unha pequena xoia atopada no corazón e xerme da cidade de Ourense, As Burgas. Á beira destas surxencias termais atópase a Casa dos Fornos, escavada polo arqueólogo Celso Rodríguez Cao en 2005, onde descubriu que a súa planimetría se corresponde coa dun edificio terapéutico e relixioso do século I d. C. que aproveitaba o manancial termal polas calidades minerais e caloríferas destas augas.

Na época medieval e tamén na moderna, os peregrinos en ruta a Santiago ou xa de volta cara aos seus lugares de orixe paraban a descansar nos balnearios das Burgas para, despois de visitar na Catedral a Capela do santo Cristo, continuar á súa viaxe. Entre as rutas de peregrinación que pasan pola nosa cidade destacan as dos camiños do sueste ourensán que, procedentes de Braganza e Vinhais, pasaban por Vilardevós ou por Chaves ata Verín, e dende alí, indo por Laza, A Alberguería ou por Xinzo de Limia, chegaban a Ourense. Outra ruta sería a que viña dende Braga e pasaba por Bande e Celanova de camiño a Ourense. A partir do século XVI van ser cada vez máis numerosas as alusións ás fontes das Burgas por parte de cronistas, viaxeiros e peregrinos que chegan á nosa cidade.

Na escavación da Casa dos Fornos atopouse esta peza de acibeche que representa un Santiago Peregrino. O seu reducido tamaño e o feito de ter unha perforación transversal á altura da cintura, indican que moi probablemente se trate dunha doa que iría ensartada nun rosario elaborado polos artesáns do acibeche, que a partir do século XIII se establecen como gremio na compostelá rúa da Acibechería. Na Idade Media vai florecer esta profesión como resposta ás peregrinacións fabricando obxectos con este luxoso e escaso material nos que se conxuga devoción e superstición.