Proxectil para artillaría raiada de avancarga

xaneiro 2016 | peza do mes | Juan Manuel González de Carballo
Proxectil

En España para equiparar a artillaría co resto das potencias europeas dispúxose cara a 1858 que as Fábricas de Artillaría de Trubia e Sevilla realizasen probas, supervisadas polos xenerais Elorza e Domínguez, con canóns raiados tanto de bronce como de ferro. Adaptáronse canóns lisos ó sistema La Hitte e construíronse outros moitos nas fábricas nacionais, sendo quizais o máis notable entre os primeiros o canón de bronce de 16 cm modelo 1846 reformado (con elevación por tornillo en lugar de cuña) e entre os segundos a “pequena” peza de 8 cm (modelo 1859) que tanto na versión curta de montaña como na de canón longo de campaña, é a sospeitosa de disparar o proxectil que nos ocupa; o cal cun calibre de 7,5 cm (sen contar as aletas ou tetos) e 24 cm de longo, un peso de 5,5 kg  -superando os 6 kg coa súa carga de pólvora e máis a espoleta iniciadora- acadaba un alcance de 3.000 m cunha precisión non coñecida ata o momento. Estas pezas empregáronse por vez primeira na Guerra de Marrocos (1859-1860).