Portapenacho de casco. Campamento de Aquae Querquennae

febreiro peza do mes | Tomás Vega Avelaira
Portapenacho de casco. Campamento de Aquae Querquennae

Este portapenacho (apex), fabricado en bronce, pertenceu a un casco do modelo Weisenau. Apareceu durante as escavacións realizadas por Antonio Rodríguez Colmenero no campamento militar romano de Aquae Querquennae (Porto Quintela, Bande, Ourense).

A peza conserva unha altura de 5,9 cm, unha anchura máxima de 4,5 cm, un grosor máximo de 0,5 cm, e pesa 14,28 gramos. Posúe forma de forquita e está incompleta. Orixinariamente debeu ter un pé en forma de «L» mediante o cal se engancharía a unha plaquiña rectangular situada na parte cenital do casco e, deste xeito, podería suxeitar un penacho disposto de forma transversal (crista transversa). A presenza dun penacho no casco dun oficial servía para resaltar o seu status formando parte dos distintivos (insignia) que o distinguían.