Piqueta. Campamento de Aquae Querquennae

xaneiro 2015 | peza do mes | Tomás Vega Avelaira
piqueta romana de Aquae Querquennae

Aquae Querquennae atópase no NW da antiga Hispania, concretamente na actual provincia de Ourense, ocupando terras que pertencen a dous concellos: Bande e Muíños.

O campamento militar está nas inmediacións da Vía XVIII do Itinerario de Antonino que unía as localidades de Braga-Bracara Augusta- e Astorga -Asturica Augusta-, capitais de senllos conventos xurídicos, seguindo o percorrido máis curto que cruzaba a provincia de Ourense en sentido SE-NE. A calzada e o campamento datan dos primeiros momentos da dinastía flavia.

A piqueta de tenda de campaña (paxillus tentorii) apareceu cravada in situ durante a campaña arqueolóxica realizada en 2008. Trátase dun útil sinxelo, fabricado en ferro, consistente nunha barra metálica en punta e perforada na súa parte superior para inserir unha argola, con sección rectangular. As piquetas de ferro empregábanse tanto para fixar ao terreo a tenda de campaña como para izala e mantela en pé grazas ao emprego de cordas. Exemplares como o procedente de Aquae Querquennae cunha argola na parte superior, utilizaríanse preferentemente para atar nela os ventos da tenda.